Pasar al contenido principal

UniStem Day reunirá en Medicina 365 estudantes de secundaria no maior evento internacional de divulgación sobre células nai

365 estudantes e profesores de diversos institutos de Compostela e A Estrada participarán este venres 16 na Facultade de Medicina da USC no evento internacional de divulgación sobre células nai máis importante de Europa, o UniStem Day 2018. Esta é unha xornada que se desenvolve de forma simultánea en 74 universidades e centros de investigación e 60 cidades de Alemaña, España, Hungría, Italia, Polonia, Serbia e Suecia, ás que este ano se suman Austria, Francia e Reino Unido. En todo o continente, a xornada reunirá un total de 30.000 estudantes. En España, ademais da USC participan outras nove universidades e centros de investigación pertencentes á Rede de Terapia Celular coordinados dende a Universitat de Barcelona.

O acto de inauguración comezará ás 9.00 horas no Salón de Actos Novoa Santos da Facultade de Medicina presidido pola vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, coa presenza ademais do vicedecano deste centro José Martín Carreira Villamor e Jannette Rodríguez Pallares, do comité organizador da xornada e investigadora do Laboratorio Neurobioloxía da Enfermidade de Parkinson. O alumnado presenta na xornada procede dos institutos Rosalía de Castro, Xelmirez I e II, Peleteiro, Compañía de María e Pontepedriña de Santiago e IES García Barros e Losada Diéguez da Estrada.

Ademais de conexións por videoconferencia coas universidades participantes, proxeccións audiovisuais ou xogos, o programa inclúe unha serie de charlas impartidas por docentes e investigadores da USC que achegarán ao alumnado o valor e transcendencia do traballo realizado nos laboratorios arredor da comprensión das células nai coa finalidade de espertar o interese dos/as máis novos pola investigación e a ciencia. A partir dunha explicación sobre que son as células nai, mostrarase o estado actual da investigación neste eido e as posibilidades futuras de desenvolvemento, con especial atención ás súas aplicacións terapéuticas e cun capítulo sobre falsos mitos neste eido.

UniStem Dau é un evento organizado para estudantado de secundaria dende 2009. Toma o seu nome do Centro de Investigación sobre Células Nai da Universidade de Milano fundado en 2006. O evento da Facultade de Medicina conta co patrocinio de Galmedic, Celta Ingenieros, Cientisol, Glass Chemical, Fisher Scientific, CiMUS, Editorial Elsevier, Santiago Futsal, Monbus Obradoiro, Domino’s Pizza e Gadis.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.03.2018.