Pasar al contenido principal

Investigadores da EPS de Enxeñaría desenvolven tepes de sedum e planta ornamental para calquera tipo de cuberta

Alfombra vexetal desenvolvida por investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
Alfombra vexetal desenvolvida por investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
As alfombras vexetais sustentables deseñadas polos investigadores do Campus Terra da USC Adolfo López Fabal, Mª Isabel Iglesias Díaz e Santiago Lamosa, no marco dun convenio coa Xunta de Galicia, Fundación Juana de Vega e a empresa soberina A Man de Prado, Nuevos Jardines e Orgánica de Sustratos, reciben un premio á innovación produtiva no sector agrario
Lugo

Os tepes ou alfombras vexetais sustentables axeitadas para a súa implantación en calquera tipo de superficie desenvolvidos polos investigadores da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Adolfo López Fabal, Mª Isabel Iglesias Díaz e Santiago Lamosa Quinteiro no marco dun proxecto realizado xunto ca Xunta de Galicia, a Fundación Juana de Vega, a empresa de xardinería e viveiros A man de Prado, radicada en Sober, Nuevos Jardines e Orgánica de Sustratos, veñen de recibir un premio á innovación produtiva no sector agrario.

O obxectivo desta acción colaborativa xa rematada era a consecución de tepes de plantas ornamentais para: cubertas axardinadas, cobertura de noiros en obras e xardinería en xeral (macizos de plantas con flor, atractivos para insectos, medicinais,...). Neste contexto, o labor desenvolvido na EPS de Enxeñaría en colaboración co vieiro consistiu facer desenvolvementos de pequenas unidades que incluían soporte de maia de coco, substrato e as plantas. Tamén se fixeron ensaios a maior escala nos viveiros de A Man de Prado que logo se instalaron nas instalacións exteriores da firma luguesa Nuevos Jardines, relata Adolfo López Fabal. 

Estes ensaios permitiron probar a produción de tepes de estacas e tamén de semente con diversos tipos de substratos e especies. Estes labores permitiron perfilar a elección das plantas mais apropiadas para a elaboración deste tipo de cubertas. De feito, nos ensaios empregáronse varias especies de sedum, ben solas ou ben mesturadas, hedras, fresa silvestre, caléndula, tagete, capuchina, lobularia...

Utilidades e vantaxes dos tepes

Os tepes ou tapices vexetais ofrecen solucións inmediatas para o recubrimento de calquera tipo de superficie e atopan o seu principal nicho de mercado no sector ornamental, segundo indica a profesora Mª Iglesias Díaz, quen lembra que a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC mantén activas desde hai anos liñas de investigación sobre cubertas vexetais.

A obtención de resultados inmediatos é unha das vantaxes que reportan este tipo de alfombras ou tapices vexetais pouco enraizadas e doadas de implantar en calquera superficie, salienta Iglesias Díaz, ao tempo que recoñece que a consecución dun tepe cun aspecto xa “maduro” require dun período de tempo considerable que podería estenderse ata un ano de duración. Este débese, engade, a que “para acadar este tipo de alfombras florais ou vexetais, cómpre acometer antes a plantación da especies e agardar o seu crecemento e xeneralización sobre o terreo”.

Unha vez preparado o tepe, o seu posterior uso ou aplicación na superficie desexada é pouco menos que inmediato, do mesmo xeito que o céspede, di Iglesias Díaz, é sinxelo e ofrece un impacto visual pouco menos que inmediato, sobre todo se se compara co uso de esgallos ou con prácticas de plantación tradicional. O custe destas actuacións tamén é diferente, advirte esta investigadora, dado que os tepes resultan máis custosos, aínda que tampouco teñen un prezo desorbitado, matiza.

A elección de sedum para a elaboración deste tipo de cubertas vexetais de fácil traslado e implantación responde ás propias características do seu xénero. De feito, trátase de plantas con raíces pouco profundas, de rápido crecemento e que esixen mínimos coidados. 
 

Alfombra vexetal desenvolvida por investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
Alfombra vexetal desenvolvida por investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.05.2022.