Pasar al contenido principal

O Campus Terra alonga a súa pegada na vitivinicultura galega

Vides plantadas nas inmediacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo
Vides plantadas nas inmediacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo
A maioría das adegas e viñedos operativos na comunidade autónoma contan entre os seus xestores con profesionais e técnicos formados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, na que un terzo do alumnado do mestrado en Enxeñaría Agronómica cursa a especialidade en Vitivinicultura que coordina o profesor Julián García Berrios
Lugo

A vitivinicultura é un dos sectores agronómicos da comunidade galega nos que a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo proxecta unha fonda pegada, como o proba o feito de que a maioría das adegas e viñedos que manteñen a súa actividade están xestionados por profesionais e técnicos formados no centro universitario lugués, segundo sinala o profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Julián García Berrios, quen coordinada a especialidade en Vitivinicultura que se imparte no mestrado en Enxeñaría Agronómica.

Un terzo do alumnado que amplía a súa formación agronómica a través deste posgrao oficial na USC cursa a especialidade en Vitivinicultura, un dato, que, salienta García Berrios, “dá conta da puxanza que actualmente ten en Galicia un sector, ao que se lle agarda moito futuro”.

A formación vitivinícola incluída no mestrado en Enxeñaría Agronómica, capacita ao alumnado para o deseño e o manexo da viña, así como para labores de xestión e dirección dunha adega, ademais de achegar outros coñecementos de enoloxía, produción vitícola e procesos da industria enolóxica, explica García Berrios, quen ven na formación vitivinícola unha boa pasarela para acceder ao mercado laboral.

A conxuntura normativa leva a pensar que nun futuro pouco menos que inmediato, calquera actividade que se desenvolva nunha explotación vitivinícola requirirá da certificación dun técnico, do mesmo xeito que sucede nos ámbitos da xestión sanitaria e fitosanitaria dos viñedos, así como da dirección das adegas. A estas previsións, engade García Berrios, cómpre sumar outras vantaxes presenta a vitivinicultura en Galicia, algunhas propiciadas pola diversidade climática e de variedades de uva e outras pola convivencia de viñedos e explotacións vitícolas propias da áreas atlánticas con outras localizadas en rexións de interior e con máis semellanzas coa realidade francesa.

“Galicia esperta moitas envexas no sector vitivinícola español”, afirma o tamén integrante do grupo de investigación Vitivinicultura e Sanidade Vexetal da USC, quen atribúe a boa saúde de que goza o sector en Galicia ao bo grao de rendibilidade acadado polas adegas e demais explotacións vitivinícolas, así como a ampla formación agronómica das persoas que responsabilizan da súa xestión.

A pegada da EPS de Enxeñaría do Campus Terra na vitivinicultura de Galicia é xa moi importante, reitera García Berrios, quen ve o seu labor formativo tanto no eido agronómico como no que atinxe aos procesos de optimización do uso das novas tecnoloxías, o que agora se coñece como agricultura de precisión, e as múltiples actividades de divulgación que se promoven desde o centro universitario lugués (sesións de iniciación á cata, xornadas, seminarios, programas e viaxes de prácticas...) como alicerce do éxito da vitivinicultura en Galicia.

Aínda así, este profesor e investigador da USC entende que o futuro do sector pasa pola vitivinicultura rexenerativa, unha nomenclatura que, en grande medida, implica a volta ou recuperación de prácticas e usos tradicionais tanto de manipulación e fertilización dos solos como de control microbiolóxico das plantas.

 

Sesión de iniciación á cata celebrada na EPS de Enxeñaría da USC
Sesión de iniciación á cata celebrada na EPS de Enxeñaría da USC
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.05.2022.