Pasar al contenido principal

Astronomía, buracos negros e poesía no primeiro ‘Transfronteirizas’ presencial con Estíbaliz Espinosa e Gastón Giribet

Gastón Giribet e Estíbaliz Espinosa interveñen nunha nova sesión de 'Transfronteirizas'
Gastón Giribet e Estíbaliz Espinosa interveñen nunha nova sesión de 'Transfronteirizas'
O ciclo de diálogos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), co lema ‘Conversas de arte e ciencia’, alcanza a súa segunda edición que se celebrará o 19 de maio en Ciencias da Comunicación

‘ Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’, o ciclo de diálogos en liña do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), cumpre estes días o seu segundo aniversario e celébrao cunha nova edición o próximo 19 de maio, por primeira vez en formato presencial. O encontro entre Estíbaliz Espinosa e  Gastón Giribet, moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein, desenvolverase no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ás 19.00 horas con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala. Tamén se poderá seguir o evento en directo a través da canle de Youtube do IGFAE.

Esta nova quenda de 'Tranfronteirizas' reúne a Estíbaliz Espinosa, cantante e escritora que ten convertido a súa curiosidade sobre o ceo  e o universo en material sensible a través da súa obra; e a Gastón Giribert, físico teórico, que leva boa parte da súa traxectoria profesional traballando arredor de buratos negros e as abordaxes literarias e filosóficas sobre as dimensións do universo e estes astros que son fonte de numerosos paradoxos.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) é escritora e comunicadora de ciencia, así como cantante. Estudou Socioloxía e Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e astronomía como afeccionada. Publicou varios libros de poesía en galego (Curiosidade ou  As neuronas irmás, entre outros), traducións, relatos e ensaio sobre literatura e ciencia. Organiza actividades ao redor da poesía, a astronomía e a música. Traballou para entidades como a Orquestra Sinfónica de Galicia, Museos Científicos Coruñeses e faino actualmente na Universidade da Coruña, onde imparte escritura creativa.

Gastón  Giribet (Bos Aires, 1973) é doutor en física e profesor de Física Teórica da Universidade de Bos Aires. Tamén foi membro doutras institucións, como o Institute for  Advanced  Study de Princeton, a New York University e a Université Libre de  Bruxelles. É autor de máis de cen artigos científicos e, xunto a José Edelstein, publicou o libro Cuerdas y supercuerdas: la naturaleza  microscópica de las partículas y del  espaciotiempo.

 

Rosa Montero

Organizado polo ArtLab do IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se convida a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia con persoal investigador do centro, buscando un enfoque interdisciplinar. Nacido o 15 de maio de 2020 en plena pandemia nunha sesión con Rosa Montero, polo ciclo teñen pasado personalidades como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresión artísticas.

Cartel da sesión
Cartel da sesión
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.05.2022.