Pasar al contenido principal

O patrimonio cultural inmaterial, obxecto dun volume editado pola Cátedra do Camiño e as Peregrinacións

O volume contén a primeira reflexión global da riqueza do patrimonio inmaterial do Camiño. FOTO: Santi Alvite
O volume contén a primeira reflexión global da riqueza do patrimonio inmaterial do Camiño. FOTO: Santi Alvite
A obra contén a primeira reflexión global sobre a riqueza inmaterial da Ruta Xacobea dende unha perspectiva patrimonial e da súa “enorme importancia para a cultura da actual Unión Europea pois é froito das achegas dos peregrinos de diferentes nacionalidades que fixeron o Camiño ao longo dos séculos”, explica o profesor da USC Miguel Taín Guzmán
Santiago de Compostela

A obra Patrimonio Cultural Inmaterial. De los Castells al Camino de Santiago constitúe “a primeira reflexión sobre o patrimonio inmaterial de toda España declarado patrimonio mundial pola UNESCO”. Así o define o profesor da USC e director da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, Miguel Taín Guzmán, que figura como editor do libro xunto a María Teresa Carballeira Rivera e Josep Ramon Fuentes y Gasó. Esta cátedra institucional da USC edita a obra en unión co Grupo Compostela e a Cátedra Estudis de Dret Local da Universidade Rovira e Virgili de Tarragona.

O volume contén a primeira reflexión global da riqueza do patrimonio inmaterial do Camiño, “aínda en boa medida vivo e dunha enorme importancia para a cultura actual da Unión Europea pois é froito das achegas dos peregrinos de diferentes nacionalidades que fixeron o Camiño ao longo dos séculos”, explica Taín Guzmán. A segunda parte do volume céntrase en analizar o patrimonio inmaterial do Camiño de Santiago nos seus diversos aspectos por especialistas de diferentes países: proverbios, contos, lendas, poemas épicos, sermóns, pregarias, salmodias, cancións, música, rituais, cerimonias, festas, procesións, hospitalidade, acollida, insignias, gastronomía, entre outros.

“A presente obra é froito do esforzo de recoñecidos expertos e científicos empeñados en ofrecer un traballo de calidade sobre o patrimonio cultural inmaterial. Contribúe a cubrir a lagoa existente nun dos campos emerxentes do escenario cultural español mediante un exame con enfoque interdisciplinario, nomeadamente, xurídico, histórico e antropolóxico”, continúa o director da Cátedra do Camiño.

Valores culturais como as tradicións e expresións orais; artes do espectáculo; usos sociais, rituais e actos festivos; coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; e técnicas artesanais tradicionais, danse cita neste libro para difundir o coñecemento dos bens culturais declarados patrimonio inmaterial da Humanidade. Todo iso sen descoidar a análise dos aspectos xurídicos vinculados á súa protección e transmisión.

“O patrimonio cultural inmaterial é un importante factor de mantemento da diversidade cultural fronte á crecente globalización e o ámbito idóneo para a exaltación das culturas colectivas, tendo en conta da súa intrínseca natureza participativa, recreativa e comunicativa entre individuos e grupos”, conclúe o profesor Taín.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2022.