Pasar al contenido principal

Aberta a preinscrición dos XXXI Cursos de verán de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’

Os cursos celebraranse en Santiago do 2 ao 24 de xullo
Os cursos celebraranse en Santiago do 2 ao 24 de xullo

O Instituto da Lingua Galega da USC colabora coa Real Academia Galega na organización da trixésimo primeira edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ xunto coa Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. Actualmente e ata o vindeiro 6 de abril permanecerá aberto o prazo de preinscrición. Esta acción formativa dirixida a persoas de fóra de Galicia desenvolverase do 2 ao 24 de xullo en Santiago.

Baixo a dirección dos profesores Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, os cursos ofrecen tres niveis de competencia: o elemental ten un enfoque de iniciación para quen desexe introducirse no seu coñecemento do idioma. O nivel medio destinarase a quen xa realizou o curso elemental ou demostre un coñecemento básico mediante a realización dunha proba de nivel. Finalmente, o curso superior de lingüística e de literatura galegas para as persoas que cursaran o nivel anterior ou acrediten un bo dominio idiomático.

O folleto informativo cos detalles desta nova convocatoria pode descargarse nesta ligazón. A ficha de inscrición está dispoñible tanto no devandito folleto como nestoutra ligazón. Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poden dirixirse á secretaría dos cursos a través do correo electrónico cursos [at] academia.gal (cursos[at]academia[dot]gal).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.03.2018.