Unha mostra en Fonseca retrata as asombrosas mulleres saharauís

Hai máis de corenta anos, a muller saharauí nunca podería imaxinar a vertixinosa viaxe cara á emancipación, unha vez enrolada no barco da liberación nacional. Convertidas en depositarias involuntarias da responsabilidade da supervivencia do seu pobo, foron quen de construír unha nova estrutura social, facendo tomar consciencia ás xeracións futuras do seu dereito á igualdade.
Algunhas destas mulleres –hoxe médicas, poetisas, mestras, xornalistas, enxeñeiras, artistas...– retratounas o artista e bibliotecario da Universidade de Rennes (Francia) Gaëtan Pelhâtre. A colección de retratos, a grafito e acuarela sobre papel, conforma a mostra ‘As asombrosas mulleres saharauís. Da tradición á emancipación’ que se exporá a partir do 20 de marzo e ata o 30 de abril no Claustro Alto do Colexio de Fonseca.
Cando as mulleres foron ao exilio en Alxeria non tiñan sequera conciencia de pertencer a unha nación; estaban arraigadas nas tradicións seculares e cada unha delas pertencía ao seu clan, á súa familia. Pero co tempo lograron superar as divisións tribais para converterse en cidadás de pleno dereito, visibles, que loitan por que se escoiten as voces reprimidas no Sáhara Occidental.
Son rostros das mulleres da Unión Nacional de Mulleres Saharauís (UNMS), unha rama da Fronte Polisario nacida co obxecto de visibilizar a muller na sociedade á vez que loitaba polo dereito á autodeterminación.
A exposición, a inaugurar o martes ás 19.00 horas, poderá visitarse de luns a venres de 9.00 a 21.00 horas. Colaboran na súa produción a Universidade de Rennes 2 e o Centro de Estudos sobre o Sáhara Occidental (CESO) creado en 2016 na USC.