Pasar al contenido principal

Máis de 40 empresas e entidades ofrecen estadías formativas no medio rural galego a estudantes do Campus Terra

Instalacións universitarias do Campus de Lugo
Instalacións universitarias do Campus de Lugo
A convocatoria, dirixida a alumnado de últimos cursos das facultades de Ciencias e Veterinaria, así como da EPS de Enxeñaría, permanece ata o 31 de maio. O programa ‘Retorna ao rural co Campus Terra’, financiado ao abeiro dun convenio entre a USC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades, contempla prácticas de entre 1 e 3 meses de duración que poderán ser recoñecidas por ata 13 créditos ECTS
Lugo

A USC ofrece 25 bolsas de prácticas en 41 empresas e entidades asentadas en localizacións rurais de Galicia a estudantes matriculados en calquera dos dous últimos cursos dos graos en Veterinaria, Enxeñería de Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética, Enxeñería Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, e no dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, a través do programa formativo extracurricular ‘Retorna ao rural co Campus Terra’, financiado ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades para o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa.

O alumnado das facultades de Ciencias e de Veterinaria, así como os estudantes matriculados nos títulos de grao impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría incluídos nesta convocatoria de prácticas extracurriculares poden solicitar xa as estadías formativas en empresas e entidades localizadas en áreas rurais de Galicia ata o 31 de maio, tal e como se recolle nas bases deste programa, cuxo prazo de solicitude foi obxecto de ampliación. A tramitación destas bolsas, cuxo período de duración se prolongará entre 1 e 3 meses, pode realizarse a través do Rexistro electrónico da USC.

As bolsas do programa Retorna ao Rural co Campus Terra son remuneradas e compatibles con outras axudas ao estudo do Ministerio de Educación e Formación Profesional e da Xunta de Galicia, ao tempo que contemplan un amplo abano de actividades formativas que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro, a fin de resultar compatibles coas obrigas académicas do alumnado beneficiario. A xornada laboral dos bolseiros e bolseiras será de 25 horas semanais. Unha vez rematada a estadía, o estudantado do Campus Terra da USC poderá solicitar o recoñecemento de ata un máximo de 13 créditos ECTS.

O alumnado de grao nas facultades de Ciencias, Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo interesados en participar neste programa de prácticas académicas extracurriculares poderán seleccionar un máximo de tres entidades ou empresas nas que completar a súa estadía formativa. A orde de prelación entre solicitantes virá determinada pola respectiva nota media que figure no expediente académico na USC, integrada polas cualificacións que correspondan ao curso 2020/2021, sempre que tales cualificacións consten en actas na data fin de prazo de presentación de solicitudes.

Unha vez resolta esta convocatoria e tras avaliar as solicitudes presentadas, a comisión de selección, que estará presidida polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, elaborará unha proposta de resolución cos candidatos seleccionados e a listaxe de agarda, por orde de puntuación. De seguido, publicarase no taboleiro electrónico da USC a relación de aspirantes admitidos e excluídos, coa causa da súa exclusión. As persoas solicitantes excluídas terán un prazo de 3 días para solucionar a causa ou causas que motivaron a súa exclusión, quedando definitivamente excluídas de non facelo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2022.