Unha investigación evidencia o prestixio social da inmigración galega no Paraguai entre 1950 e 1960
Malia ser poucos numericamente, a influencia dos inmigrantes galegos na historia do Paraguai foi considerable e desproporcionada con respecto ao seu pequeno tamaño como colectividade. Con todo, as persoas contemporáneas non adoitaban percibilos como un grupo diferenciado dentro da colonia española. Esta é a conclusión central da investigación desenvolvida por Philip D. Webb na USC. Baixo o título, ‘O Paraguai como destino atípico da inmigración española: o caso dos galegos (1850-1960)’, Webb, natural de Cheltenham (Reino Unido), redactou a súa tese de doutoramento integramente en galego.
O investigador confirmou a través da súa investigación que o Paraguai era un destino migratorio moi minoritario para os galegos e para os españois en xeral. De feito, é posible que menos de mil galegos vivisen no país entre 1850 e 1960, sendo a gran maioría coruñeses e pontevedreses. “Verificamos que se trata dun destino atípico non só polo escaso peso demográfico dos fluxos migratorios, senón porque os galegos constituían apenas o 8% da colonia española, por debaixo dos cataláns, castelán-leoneses, andaluces e valencianos”, explica Philip D. Webb.
Ademais, o Paraguai era un destino secundario porque os pioneiros adoitaban chegar despois de residir unha tempada noutras zonas de América, en particular Bos Aires, Uruguai ou o Litoral arxentino. Por este motivo, “aquí non observamos o fenómeno das migracións andoriñas, aínda que nun país empobrecido e exportador neto de man de obra como era o Paraguai, é probable que os proxectos duns cantos inmigrantes fracasasen provocando a súa re-emigración axiña”, engade.
A maioría dos inmigrantes españois traballaba no comercio, especialmente nos barrios asuncenos da Catedral e a Encarnación, onde a proporción de veciños estranxeiros era moi superior á do resto da república. “Esta maioría resulta máis esmagadora cando se considera a colectividade galega”, matiza Webb. “Semella que o modelo de negocio máis común era o pequeno almacén”, engade. Doutra banda, unha minoría dos inmigrantes traballaba en profesións liberais. Durante as tres décadas finais do século XIX, os avogados, enxeñeiros, xornalistas, médicos e profesores españois gozaban dunha “relevancia extraordinaria” na sociedade de acollida por mor da escaseza de man de obra cualificada e da inexistencia dunha institución de educación superior no Paraguai antes de 1889.
Personalidades relevantes
Nos primeiros lustros da posguerra da Tripla Alianza, o prestixio social destes estranxeiros aproximábaos aos dirixentes políticos do momento e convertíaos en personalidades relevantes na administración pública e a loita polo poder, como evidencian os casos de Eduardo Caamaño e a súa defensa dos italianos no xuízo de La Regeneración (1870); a negociación do tratado Quijarro-Decoud (1879) a instancias do especulador Francisco Javier Brabo; a contratación de Vicente R. de Oliveira como superintendente de Instrución Pública (1888) e director do xornal oficialista La Reforma (1889-1890); ou as dúas vodas celebradas entre as fillas do médico muxián Victoriano Abente y Lago e os fillos do ex presidente paraguaio Patricio Escobar. “A formación intelectual e técnica dos futuros estadistas e profesionais paraguaios nacidos na posguerra dependía en gran medida dos periodistas e mestres españois”, explica o investigador. “Trátase, polo tanto, dun dos impactos máis transcendentes da inmigración no Paraguai”, sinala.
Dende as profesións liberais, certos galegos realizaron achegas destacables ás artes no Paraguai, pero non á ciencia. As pobres condicións económicas xunto coa falta de laboratorios e persoal formado coartaban as investigacións científicas durante o período de entreguerras, aínda que a Contribución al estudio del clima del Paraguay (1890) de Serafín Rivas Rodríguez “representa unha honrosa excepción”, matiza Philip D. Webb. En cambio, había máis oco para a práctica literaria “coa súa capacidade de difundir valores e construír identidades nun momento de trauma e transición históricos”. Así, sobresaen os galegos Benigno Teijeiro Martínez, autor do primeiro drama histórico paraguaio e das primeiras críticas teatrais da posguerra en 1874; Plácido Casaús (posiblemente non galego, pero si iniciado no periodismo en Vigo e A Coruña), quen re-introduciu a prensa gráfica no Paraguai en 1885; e Victorino Abente y Lago, cuxa extensísima obra en prosa e verso converteuno “nunha das máis celebradas figuras das letras nacionais”, explica Webb.
Listaxes de socios de asociacións españolas no Paraguai, expedientes de matrimonio, prensa, correspondencia consular, ou libros e folletos publicados durante o período de estudo foron algunhas das fontes consultadas polo investigador, quen profundou no material arquivado na Biblioteca América da USC, na Biblioteca Nacional de Asunción e no arquivo do Ministerio de Relaciones Exteriores del Paraguay.
Tribunal e cualificación
A tese de doutoramento, dirixida pola profesora Pilar Cagiao Vila, foi avaliada por un tribunal integrado por Ramón Villares, profesor emérito da USC; Liliana Brezzo, profesora da Universidade Nacional del Nordeste en Arxentina; e Eva Morales Raya, doutora pola Universidade de Barcelona e especializada na historia da inmigración no Paraguai. Philip D. Webb recibiu a cualificación de Cum Laude.