Pasar al contenido principal

Carlos Pajares ingresa na RAGC

Carlos Pajares foi reitor da USC entre os anos 1984 e 1990. FOTO: Suso Rivas
Carlos Pajares foi reitor da USC entre os anos 1984 e 1990. FOTO: Suso Rivas
O profesor emérito da USC pronunciou o discurso ‘Sinxeleza e beleza na ciencia e na natureza (En busca da simetría perdida)’ nunha cerimonia que se desenvolveu no Paraninfo da Universidade
Santiago de Compostela

O profesor emérito da USC Carlos Pajares ingresou este mércores 25 na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) nunha cerimonia que se desenvolveu no Paraninfo da USC. ‘Sinxeleza e beleza na ciencia e na natureza (En busca da simetría perdida)’ foi o título do seu discurso de ingreso ao que foi contestado, en nome da Academia, polo seu presidente e tamén profesor emérito da USC, Juan Lema Rodicio.

No seu discurso formulou a pregunta “Por que a natureza é simple e bela?”. E manifestou que “unificar a diversidade de fenómenos que se dá na natureza foi unha constante nos avances da Ciencia”. Nesta liña, sinalou que “na Historia da Ciencia houbo grandes unificacións que deron lugar a grandes avances científicos e algunhas tamén a profundas consecuencias sociais e económicas. Pódese dicir que o primeiro gran unificador foi Newton ao darse conta de que a caída dunha mazá dunha árbore rexíase pola mesma lei que as órbitas dos planetas ao redor do Sol, propoñendo a lei da gravidade e ao mesmo tempo formulando as leis que debían cumprir todos os movementos”. O profesor resaltou que a obra de Newton tivo unha repercusión enorme, mesmo en territorios aparentemente afastados, como o da economía, no sentido da unificación de fenómenos, como a unificación dos intercambios comerciais mediante o principio do equilibrio entre a oferta e a demanda.

Simetría e inspiración

Pajares apuntou que “a simetría na natureza foi fonte de inspiración da humanidade ao longo de toda a súa historia, fóra da ciencia”. A modo de exemplo, referiuse á arquitectura e á escultura de Grecia. Tamén citou a cultura árabe, a través das súas mesquitas, palacios e xardíns. E, por último, mencionou a música, en particular a de Johann Sebastian Bach, que “pola súa estrutura, as súas proporcións, contrapunto e beleza asociouse ás matemáticas”.

“A procura da simetría levounos ao coñecemento da evolución do Universo, onde se relaciona o máis pequeno e o máis grande. O Universo pasou por toda unha serie de etapas, un proceso no que a medida que o tempo transcorre vaise rompendo a simetría orixinal. O dar marcha atrás, investigando as primeiras etapas da evolución, é en gran medida buscar a simetría perdida”, indicou o homenaxeado, alén de explicar que a busca desta simetría está a permitir na actualidade aplicacións revolucionarias como a computación cuántica.

Carlos Pajares salientou que “a realidade fainos constatar que o proceso da investigación é profundo, e canto maior coñecemento temos máis xanelas e horizontes ábrensenos que nos fan preguntarnos máis e máis, mostrándonos o noso descoñecemento da realidade. Os científicos experimentamos en maior ou menor grao a sensación de achegarnos ao misterio da natureza e ao da nosa existencia”. 

“Un dos científicos galegos máis destacados”

Pola súa parte, o tamén profesor emérito da USC e presidente da RAGC, Juan Lema, remarcou a importancia do nomeamento do profesor Carlos Pajares como académico de honra da institución e referiuse a el como “un dos científicos galegos máis destacados do último medio século”. Lembrou que “o profesor Pajares inicia a súa carreira científica fascinado polo descubrimento da Física de Partículas nun curso de doutoramento na Universidade Complutense de Madrid, no curso 1967-68”. Tamén destacou o seu periplo internacional en centros de referencia como o Laboratoire de Physique Theorique d’Orsay da Université Paris-Saclay, o Institute for Nuclear Theory da Universidade de Washington en Seatle e posteriormente no prestixioso Rutherford Appleton Laboratory en Oxford e no National Argonne Laboratory en Chicago.

En setembro de 1979 incorpórase como catedrático á Universidade de Santiago. “Moi rapidamente intúe que en Santiago poderá desenvolver un proxecto de vida persoal e académica polo que, malia as ofertas que recibe dende a Universitat Autònoma de Barcelona e da Autónoma de Madrid, decide encetar un camiño máis difícil, pero tamén extraordinariamente ilusionante”, sinalou Lema. O profesor Pajares faise cargo da dirección do Departamento de Física de Partículas, “onde implanta o seu modelo investigador cunha certeira visión de futuro, o cal serviu para proporcionarlle moitos éxitos aos grupos de investigación do departamento”.

Tras formar parte do equipo de goberno da Facultade de Ciencias, no ano 1981 resulta elixido como primeiro decano da Facultade de Física da USC. Entre 1984 e 1990 foi reitor da USC. “Baixo o seu mandato tivo lugar un desenvolvemento sen precedentes dos campus universitarios de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e, moi particularmente, de Vigo e A Coruña; así como o decisivo impulso á investigación”, salientou Lema. No ano 1999, a súa intervención foi decisiva para a creación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (IGFAE), na actualidade centro de referencia internacional. O presidente da Academia puxo ademais de relevo “o papel fundamental que Carlos Pajares ten na formación das novas xeracións de reputados científicos”.

“Pola súa contribución á Ciencia, particularmente na área de Física de Partículas, como creador dunha escola recoñecida a nivel internacional, pola súa achega á dinamización da investigación universitaria como reitor e pola súa labor de divulgación e defensa da Ciencia e a investigación, o profesor Carlos Pajares Vales faise merecedor de ser nomeado Académico de Honra da RAGC”, concluíu Juan Lema.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2022.