Pasar al contenido principal

Ana Goy Diz, numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes

Ana Goy Díaz, no discurso de ingreso como académica de número da RAGBA, na Facultade de Humanidades
Ana Goy Díaz, no discurso de ingreso como académica de número da RAGBA, na Facultade de Humanidades
A catedrática de Historia da Arte da USC salienta a paisaxe cultural da Ribeira Sacra como "exemplo excepcional da relación home-natureza" no discurso de ingreso celebrado na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC
Lugo

A catedrática de Historia da Arte da USC Ana E. Goy Diz (Lugo, 1966) formalizou este sábado o seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académica numeraria da Sección de Expertos nas Artes no marco dunha cerimonia celebrada na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, o escenario no que pronunciou un discurso titulado ‘Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural’. O tamén membro da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía da RAGBA Antonio Rodríguez Colmenero foi o encargado de ofrecer réplica á intervención da nova académica nunha sesión na que o presidente da Real Academia Galega de Belas Artas, Manuel Quintana Martelo, ofreceu previamente palabras de acollida para Ana Goy Diz, que xa en 2015 fora elixida académica correspondente polos seus méritos no desenvolvemento da súa actividade profesional.

O presidente destacou que son moitos e salientables os méritos que concorren na nova académica e que a fan, con rotundidade, “merecedora de pasar a formar parte do noso plenario, xa que a súa aportación e a súa xenerosidade co traballo serán de alta estima dentro das actividades académicas a prol da institución e da cultura do noso país”.

Ana Goy comezou a súa intervención co agradecemento á Academia por apoiala e concederlle a “enorme honra” de unirse a esta prestixiosa institución. En especial, deulle as grazas ao profesor Colmenero porque desde a súa chegada a Lugo hai máis de vinte anos estivo sempre ao seu lado “exercendo un maxisterio valiosísimo e demostrando unha gran xenerosidade intelectual e unha extraordinaria calidade humana”. Agradeceu tamén o apoio do decano da Facultade de Humanidades e os seus compañeiros, “centro do que sempre estiven orgullosa de pertencer e hoxe ese sentimento faise máis evidente”, asegurou.

Nest, tamén quixo destacar o labor da RAGBA nestes últimos anos para adaptarse aos tempos e apostar de forma decidida pola incorporación da muller á institución, dando entrada por primeira vez en 2021 a tres mulleres entre os seis académicos electos, “fito histórico que defende a paridade na vida pública por primeira vez na súa historia”.

Desde a fundación desta Academia fai 173 anos, Goy Diz sinalou que tan só dez mulleres a precederon como académicas de número, fronte aos 178 homes académicos, supoñendo soamente un 5,3% do total de membros. “Non é unha loita de xénero, senón unha procura da igualdade e do papel da muller na sociedade” –engadiu–. 

Enumerou ás mulleres que abriron este camiño de reivindicación pola igualdade e a participación nos órganos colexiais: Mª Carmen Corredoyra (1938-1970), Lolita Díaz Baliño (1938-1966), María do Vilar Mateo de Arenaza (1973-2010), María Luisa Rodríguez Nache (1976-1986), Mª Mercedes Goica Fernández, a primeira presidenta e actualmente presidenta de honra (1986-), María Victoria Carballo-Calero Ramos (1995-), María del Socorro Ortega Romero (2005-2011), Asunta Rodríguez Rodríguez (2015-), Soledad Penalta Lorenzo (2018-) e Menchu Lamas Pérez (2018-). A esta listaxe sumaranse este 2022 tres novos ingresos de académicas de numero, a propia Ana Goy Diz, Mónica Alonso e Pamen Pereira. Indicou que a aposta da RAGBA pola defensa da igualdade e a participación feminina axudará a pechar o ano cun 43% de mulleres nos cargos da xunta directiva e unha representación no plenario do 22,2%.

A catedrática de Historia do Arte da USC compartiu co público a súa relación con Lugo, cidade na que naceu pero coa que mantivo unha relación superficial ata que en 1999 obtivo a praza de profesora e asumiu o compromiso de contribuír activamente na formación de novos profesionais en Humanidades e Ciencias da Cultura, e a colaborar coas principais institucións da cidade para investigar, difundir, e dinamizar o patrimonio cultural da cidade. “O compromiso co patrimonio cultural desta cidade-xacemento levou á creación do Centro de Estudo de Historia da Cidade, un centro de investigación da USC que fundou o profesor Rodríguez Colmenero e que dirixiu ata a súa xubilación, momento no que me pasou o relevo –resumiu–.

Dimensión patrimonial da Ribeira Sacra

Xa centrada no tema da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia en 2018 e candidata a ser Patrimonio da Humanidade da Unesco en 2021, Ana Goy analizou a dimensión patrimonial deste ben singular de Galicia. Sinalou que a Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural viva que evolucionou organicamente ata constituír un exemplo excepcional da relación home-natureza vinculado ao modo de vida tradicional, “un territorio de vertixinosas pendentes, que se localiza na Galicia interior en torno aos vales encaixados dos ríos Miño e Sil, definindo o encontro das provincias de Lugo e Ourense, ameazado polo envellecemento e despoboamento”.

Para a delimitación do Ben Ribeira Sacra, Goy apuntou que se baseou en tres grupos de valores: naturais, culturais e intanxibles; e tres aspectos: xeomorfolóxico, caracterizado polos bocarribeiras co cambio de pendente e o encaixamento da rede fluvial nos coñecidos canóns; cultural, caracterizado polo fenómeno eremítico e os grandes mosteiros así como o patrimonio contemporáneo; e de construción do territorio, con terrazas monumentais e socalcos das ladeiras dos canóns . “A interrelación entre unha topografía marcada polas fortes pendentes, a existencia de condicións climáticas e os contrastes entre ladeiras soleadas e as sombrías, condicionou a ocupación do territorio e a construción de paisaxes de enorme valor” –matizou–.

No seu conxunto, a catedrática engadiu que o Ben da Ribeira Sacra conta con 16.973 hectáreas e inclúe 78 parroquias e 170 núcleos de poboación nos municipios de A Peroxa, A Proba do Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Ribas de Sil, San Xoán de Río e Sober no sur da provincia de Lugo e o norte da de Ourense.

Evolución histórica

Ana Goy continuou co seu relato facendo un percorrido pola evolución histórica da Ribeira Sacra, desde o Paleolítico Inferior, al Neolítico coas primeiras intervencións dos humanos na paisaxe, o Megalitismo, a Idade dos Metais cos petroglifos, a Idade de Bronce, e a Idade de Ferro coa colonización en castros fortificados. Continuou analizando o proceso de romanización tras as Guerras Cántabras, coa explotación das minas de ouro e a construción das vías romanas, e as primeiras pegadas que deixou o palecristianismo en igrexas como Santa María de Temes, monumento do século IV que constitúe o primeiro vestixio cristiano postconstantino da península Ibérica, e tamén o priscilianismo e o proceso de evanxelización no que se busca vivir en harmonía coa natureza avogando por renuncias ás riquezas. Relatou ademais a chegada do suevos a Galicia no século V, o xurdimento dos mosteiros encabezado polo Mosteiro de San Pedro de Rocas e a división parroquial do reino suevo na Ribeira Sacra coas ecclesiae de Carioca, Lemos, Palla Aurea, Bibalos, Teporos e Geurros.

Destacou o período da Alta Idade Media (VI-XI), coa reorganización eclesiástica impulsada por San Martín de Dumio, no I e II Concilio de Braga para erradicar o priscilianismo e asentar o paso do eremitismo ao monaquismo. A catedrática analizou tamén o período do visigodos en Galicia e a invasión árabe, as novas formas de explotación da terra centradas na presura e o foro a partir do século VIII e que marcaron a configuración da paisaxe da Ribeira Sacra. Finalmente, fixo un repaso pola presenza fundamental dos mosteiros e a súa evolución, un total de 85 (58 na provincia de Lugo e 27 na provincia de Ourense) coa súa consolidación coa colonización benedictina e a reforma cisterciense, o papel do monacato feminino neste territorio, a reforma dos Reis Católicos, a crise da Baixa Idade Media, o papel das casas e pazos da época barroca e renacentista, ou o potencial da auga para a produción de electricidade nos embalses da Ribeira Sacra. “Resumir máis de 1500 anos de historia resulta tarefa complexa, pero ao menos intentei trazar aquelas liñas que deixaron unha pegada máis profunda na paisaxe” –confesou–.

Antonio Rodríguez Colmenero incidiu na súa intervención que Goy Diz e máis el mesmo comparten afinidades semellantes, xa que son dous historiadores de temática correlacionada, mostrada do mesmo xeito conforme aos tempos e ás formas. Destacou as bondades de Ana Goy, que foi elixida para presidir e desenvolver multitude de proxectos no Centro de Estudos de Historia da Cidade.

Autoridades e académicos

O acto tamén contou coa asistencia doutros académicos da institución e autoridades, como a directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua; a vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galicia, Elena Candia; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Tareixa Ferreiro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; a xerente da Rede Museística de Lugo, Encarna Lago; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; o presidente da Academia de Enfermería de Galicia, Isidoro Rodríguez; Alexandra Seara, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra; o presidente da Asociación Ribeira Sacra Rural, Francisco Almuíña;  a presidenta do Foro Ribeira Sacra, Isabel Aguirre de Urcola; e a secretaria do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elvira Carregado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2022.