Pasar al contenido principal

Físicos e xeógrafos elaboran o primeiro mapa de risco español fronte a pandemias

Mapas que amosan, nun escenario sen restricións, o patrón que seguen as taxas de crecemento espacial. Os valores máis altos pertencen aos grupos de poboación nova (AG1) e activa (AG2 + AG3)
Mapas que amosan, nun escenario sen restricións, o patrón que seguen as taxas de crecemento espacial. Os valores máis altos pertencen aos grupos de poboación nova (AG1) e activa (AG2 + AG3)
O equipo de investigadores da USC defende o confinamento de grupos específicos de idade como unha alternativa eficiente fronte aos illamentos totais da poboación
Santiago de Compostela

Un equipo de físicos e xeógrafos da USC acaba de crear un descritor matemático que permite identificar os territorios máis susceptibles de gromos pandémicos e estimar o impacto das diferentes restricións de mobilidade. Este é o xermolo sobre o que se asenta o primeiro mapa de risco español ante pandemias no que os investigadores mediron a vulnerabilidade de cada localidade ao longo do Estado durante a segunda vaga da COVID-19. O estudo evidencia que un illamento por grupos de idades podería ser máis efectivo que un illamento territorial por municipios. En concreto, dentro das combinacións máis favorables, observan que illar por completo ao grupo dos máis novos (entre 0 e 19 anos) xunto cos de máis idade e, polo tanto, máis vulnerables (de 70 anos en adiante) provocaría unha redución global do impacto da pandemia maior do que resulta de illar por completo cada municipio.

O artigo ‘Assessing the risk of pandemic outbreaks across municipalities with mathematical descriptors based on age and mobility restrictions’, publicado na revista Chaos, Solitons and Fractals, está asinado polos investigadores Alejandro Carballosa, Pablo Boullosa, Adrián Garea, Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri, da Facultade de Física, e José Balsa Barreiro e Ángel Miramontes da Facultade de Xeografía e Historia. Entre outras achegas, o traballo permite detectar as zonas xeográficas máis febles ante pandemias e que, polo tanto, poderían requirir reforzo de apoio médico.

Novo tipo de confinamento

O equipo analizou a incidencia do virus en combinación cos fluxos de mobilidade durante a denominada segunda vaga, do 1 de agosto ao 30 de novembro de 2020. Unha vez validado o modelo, consideraron diferentes escenarios de confinamento e contención destinados a controlar a propagación do virus. “As simulacións realizadas suxiren que o confinamento das persoas economicamente inactivas poden xerar unha redución significativa do risco”, explican. Os resultados deste tipo de medida serían, tal e como os autores subliñan nas conclusións do artigo, equivalentes aos do confinamento total da poboación.

Os investigadores recrearon o mapa da poboación en España a nivel municipal e estudaron os datos da incidencia da COVID-19, axustando o seu modelo matemático ás curvas de infectados de cada municipio. Xuntando isto cos fluxos de movementos intermunicipais, simularon a evolución da pandemia ao longo do Estado contemplando distintos escenarios posibles. Analizaron tamén as mellores estratexias para o control da pandemia, considerando tanto illamentos a nivel territorial (por municipios, provincias e comunidades autónomas) como illlamentos por grupos de idade (de 0 a 19 anos, de 20 a 39, de 40 a 69 e de 70 anos en adiante).

Trátase dun “modelo multicapa”, explican os investigadores, no que ademais de abordar os datos específicos da pandemia, poden engadirse características especiais da xeografía dun lugar (rede de estradas, comunicación ou mobilidade poboacional) e que tamén permite a estratificación por idades. Deste xeito, esta ferramenta pode erixirse en peza clave na toma de decisións por parte das autoridades sanitarias xa que “este método pode axudar a escoller aquelas medidas que sexan o menos prexudiciais para a cidadanía no seu conxunto”, explican os investigadores.

Este estudo desenvolveuse no marco do proxecto 'Predico' sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo, que recibiu financiamento por parte do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.05.2022.