Pasar al contenido principal

Constatan a sustentabilidade ambiental de produtos conserveiros galegos

Infografía da Conserva de Atún ao Natural coa inclusión do valor da pegada de carbono realizado polo Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC
Infografía da Conserva de Atún ao Natural coa inclusión do valor da pegada de carbono realizado polo Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC

O Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogrup) do Departamento de Enxeñaría Química da USC acaba de finalizar un estudo para Conservas Perez Lafuente co que constatan que os produtos galegos teñen a sustentabilidade ambiental como un dos seus eixos principais.

Os investigadores analizaron de forma particular a conserva de atún ao natural da empresa arousá, profundando na súa sustentabilidade ambiental dende unha perspectiva holística. O estudo inclúe así todas as fases do ciclo de vida, que comeza no momento da pesca, que neste caso se fai con cana e anzol, un método recomendado por organizacións como Greenpeace e WWF xa que limita as capturas, evita a sobrepesca e minimiza o problema dos descartes, isto último de especial importancia para a UE. Ademais, a actividade empresarial realízase na planta de Vilanova de Arousa seguindo métodos tradicionais como a cocción en auga de mar, o secado ao aire e a limpeza a man.

Pegada de carbono Un dos parámetros derivados desta análise foi o calculo da pegada de carbono, indicador ambiental que cuantifica os gases de efecto invernadoiro expresados como kg de CO 2 equivalentes, e que trata de identificar aqueles produtos e procesos máis respectuosos fronte ao cambio climático. No caso da lata de atún ao natural estudada, presenta un baixo impacto (0,71 kg de CO 2 eq) en relación a outros produtos analizados.

Os principais subsistemas responsables dese impacto son o envase (42,6%) e a fase extractiva (34,2%), correspondéndolle a maior porcentaxe á produción de aluminio cun 50,3%, que a súa vez deriva nun 68% de materias primas e nun 32% de restos de metal reciclado. En segundo lugar atópase a fabricación da lata, unha vez se ten o metal co grosor axeitado, cun 29,4%. Xa en menor medida contribúe cun 16,6% o transporte e o laminado do metal cun 3,7%. O estudo tamén define diversas accións de mellora que farían reducir aínda máis a baixa pegada de carbono que xa posúe.

Contribución relativa dos elementos do subsistema correspondente á fabricación do envase

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2018.