Filosofía inaugura unha instalación exterior en Mazarelos polo Día da Muller
Entre os moitos actos que este mes se organizan en todos os centros da Universidade de Santiago, a Facultade de Filosofía inaugurará este martes 6 na Praza de Mazarelos unha instalación exterior temporal coa imaxe de Concepción Arenal realizada con paneis fotográficos. Trátase dunha intervención urbana proposta pola Comisión de Xénero da Facultade de Filosofía.
O acto, previsto para as 12.00 horas, contará coa intervención da vicedecana da Facultade, Mª Nieves Herrero Pérez, e da concelleira de Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois.
Outros actos
Tamén conmemorando o Día da Muller, a Sala de Xuntas da Facultade de Dereito acolle este martes ás 12.30 horas o seminario 'A igualdade de xénero nos Dereitos civís portugués e español' a cargo de Anabela Susana de Sousa Gonçalves, da Universidade do Minho, e María Paz García Rubio, da USC.
Xa pola noite, ás 20.00 horas na Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia a profesora Teresa Carballeira impartirá o relatorio 'Perspectiva feminina do urbanismo'.