Pasar al contenido principal

Universidades europeas estudan en Lugo dinámicas patrimoniais contemporáneas de cidades amuralladas de orixe romana

De esquerda a dereita, Estelle Bertrand, Ellodie Salin, Elvira López, Francisco Fraga e Elena Freire, na rampla de acceso á muralla de Lugo
De esquerda a dereita, Estelle Bertrand, Ellodie Salin, Elvira López, Francisco Fraga e Elena Freire, na rampla de acceso á muralla de Lugo
A profesora da área de Antropoloxía Social da USC na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Elena Freire Paz promove xunto con investigadoras das universidades de Le Mans e La Sapienza un proxecto europeo para analizar dinámicas sociais con respecto ao patrimonio recoñecido pola UNESCO
Lugo

Investigadoras da área de Antrolopoloxía Social e Cultural da USC na Facultade de Humanidades sitúan a cidade de Lugo e, nomeadamente, a súa muralla romana declarada Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco hai xa máis de dúas décadas, como referente para outras cidades europeas que aspiran a acadar un recoñecemento semellante por parte da Unesco para as súas murallas tardorromanas ao abeiro do proxecto MURUS-Murailles Romaines à l’ UNESCO e Sociétés, unha iniciativa transnacional promovida desde a Universidade de Le Mans, na que xa traballan a USC desde o Campus de Lugo e a Universidade la Sapienza (Roma), e que ambiciona acadar unha maior dimensión internacional coa incorporación de novos centros universitarios implicados na investigación do patrimonio cultural e na análise das dinámicas sociais contemporáneas xeradas arredor de bens protexidos pola UNESCO.

O proxecto xurdiu a raíz da candidatura presentada pola cidade de Le Mans para que a súa muralla tardorromana fose declarada Patrimonio da Humanidade e logo do desenvolvemento de traballos preliminares que permitiron, entre outras cuestións, o mapeado de localizacións europeas que conservan este tipo de bens patrimoniais así como a localización de posibles contactos que fagan viable a solicitude dun proxecto de investigación a nivel europeo. Dentro desta iniciativa, as profesoras da Universidade de Le Mans Ellodie Salin, investigadora da área de Xeografía Social e autora de informes para o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos), e Estelle Bertrand, profesora da área de Historia Antiga e especialista en patrimonio e turismo, completaron unha primeira estadía na capital luguesa a pasada semana.

Salin e Bertrand aproveitaron a súa estadía en Lugo para manter diversas reunións de traballo coa profesora Elena Freire Paz e outras investigadoras na Facultade de Humanidades. A visita á muralla romana e a outros enclaves patrimoniais da cidade de salientable interese cultural, tal e como é o caso do Museo Universitario A Domus do Mitreo, ademais de xuntanzas con representantes políticos e compoñentes das asociacións culturais e veciñais implicadas na organización de actos relacionados co Arde Lucus, tamén formaron parte da axenda destas investigadoras francesas. Na axenda institucional, tamén foron recibidas pola representante da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Goberno local Maite Ferreiro a quen acompañou o Tenente da Alcaldesa, Rubén Arroxo.

Como peche das actividades, as profesoras da Universidade de Le Mans, participaron nunha recepción ofrecida polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, e pola delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, con quen  abordaron as posibles accións de I+D a desenvolver nas próximas datas por parte do persoal investigador do Campus de Lugo respecto da percepción e das dinámicas sociais que xeran os bens patrimoniais protexidos pola UNESCO. Estas sesións de traballo terán continuidade a próxima semana coa visita de Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre á Universidade de Le Mans onde tamén teñen previsto levar a cabo distintas sesións de traballo co grupo de investigación dentro do que cabe destacar a presenza de alumnado que está a traballar nas súas teses de doutoramento sobre esta temática. Por suposto tamén están previstas distintas reunións con representantes institucionais do goberno local e do eido académico.

Os traballos iniciais, desenvolvidos nos dous últimos anos que culminan con este intercambio, acaban de seren revalidados polo goberno rexional de Pays-de-la-Loire quen confirmou, coincidindo coa visita de Salin e Bertrand a Lugo, a consolidación do proxecto para os próximos dous anos cunha dotación económica de 77.000 euros. Cabe lembrar que a rexión do Loira, que posúe a maior superficie do territorio de Francia incluído no patrimonio mundial da UNESCO polas súas paisaxes culturais vivas. Nesta fase de consolidación do grupo, está previsto realizar un traballo de investigación científica desde as ciencias sociais que transcorra en paralelo nas cidades de Lugo e Le Mans así como un acompañamento baseado na transferencia para a nova candidatura. Neses próximos dous anos tamén deberá conformarse de xeito definitivo a proposta de promoción de liñas de I+D máis ambiciosas no eido do patrimonio cultural para o marco europeo.

Nese contexto o Campus lucense supón un aval moi destacado posto que, a maiores da súa participación específica, pode desenvolver un destacado papel como intermediario para a ampliación do elenco de socios internacionais do proxecto Murus que se está a barallar. Un cometido que podería materializarse a través da incorporación de investigadores lusos dentro eurorrexión Galicia-Norte de Portugal cos que a área de Antropoloxía Social xa mantén contactos.

 

De esquerda a dereita, Estelle Bertrand, Elena Freire, Ellodie Salin, Francisco Fraga e Elvira López, na Domus do Mitreo
De esquerda a dereita, Estelle Bertrand, Elena Freire, Ellodie Salin, Francisco Fraga e Elvira López, na Domus do Mitreo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2022.