Pasar al contenido principal

XuvenCiencia e a EPS de Enxeñaría acadan o recoñecemento do movemento ‘maker’ polo seu labor de divulgación

Un dos postos de XuvenCiencia na Maker Faire Galicia
Un dos postos de XuvenCiencia na Maker Faire Galicia
Os promotores do Campus de Verán XuvenCiencia 2022, que xa recibiu máis de 120 solicitudes de participantes interesados, celebrará o 13 de xuño o sorteo das últimas prazas dispoñibles. As persoas interesadas aínda poden formalizar a inscrición
Lugo

O labor de divulgación científica e técnica que se desenvolve desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e tamén a través do grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia vén de sumar un novo recoñecemento do colectivo ‘maker’ na última edicion da Maker Faire Galicia, o evento de referencia do movemento ‘maker’ celebrado a comezos de xuño na compostelá Cidade da Cultura, o escenario no que decenas de creadores vinculados a universidades, centros educativos, empresas... presentaron os seus respectivos proxectos, propostas e achados innovadores susceptibles de aproveitamento por parte das industrias e pola sociedade en xeral, pero tamén con múltiples aplicacións no ámbito educativo.

Os kits desenvolvidos polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia, preto dunha decena de dispositivos que permiten aos usuarios achegarse á investigación a través da experimentación (Animal CSI, AquaLab, Fotometrix, DNAMit, VitroPlant, Photometrix, RescueMe...) en diferentes disciplinas científicas, mereceron o maior dos recoñecementos dos participantes e organizadores da Maker Faire Galicia, que tamén premiaron outras das iniciativas de divulgación científica e técnica achegadas por profesores da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo como Enrique Comesaña, Carlos Núñez ou, entre outros, Roberto Iglesias. Estes docentes compartiron cos centenares de estudantes preuniversitarios así como co resto do público achegado ata o Gaiás modelos de larinxe fabricados con impresoras 3D, simuladores de terremotos ou robots programados para desenvolver diversas tarefas e habilidades.

Alén dos distintos proxectos presentados nesta cita ‘maker’, os diferentes kits XuvenCiencia permitiron a decenas de docentes e estudantes preuniversitarios mergullarse nas propiedades da luz e nos efectos da refracción, medir as proteínas do leite de xeito sinxelo, descubrir as propiedades e prestacións que ofrece a fibra ou diferenciar o aceite de oliva virxe do refirnado a través de técnicas de fluorescencia, segundo comenta o profesor e investigador do grupo XuvenCiencia Wajih Al-Soufi.

O investigador da USC salientou asemade o cometido protagonista acadado polo Campus de Lugo na última edición da Maker Faire Galicia, un evento ao que foron convidadas as tres universidades galegas. Sabedor da importancia que ten a organización deste tipo de actividades en aras a favorecer ou, no seu caso, alimentar as vocacións STEM (acrónimo dos termos en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), Al-Soufi animou ao estudantado de últimos cursos da ESO e tamén de BAC a dar continuidade a esta experiencia ‘maker’ no Campus de Verán XuvenCiencia que se celebrará do 3 ao 9 de xullo na sede universitaria luguesa e que ofrece ao alumnado inscrito a posibilidade de tomar parte en 16 proxectos e 13 obradoiros científicos arredor de diferentes disciplinas, ademais doutro amplo abano de actividades lúdicas e de convivencia.

Sorteo últimas prazas

Unha vez completado o prazo ordinario de inscrición no Campus de Verán XuvenCiencia 2022, para o que se ofrecen un total de 95 prazas, e logo de rexistrar máis de 120 solicitude os organizadores deste evento celebrarán o vindeiro 13 de xuño o sorteo das vacantes aínda dispoñibles. As persoas interesadas en participar neste sorteo aínda poden formalizar a súa preinscrición a través do enderezo de correo electrónico xuvenciencia.matricula [at] usc.es (xuvenciencia[dot]matricula[at]usc[dot]es) ou tamén poden facilitar os seus datos a través do número de teléfono 647 344 247, en horario de 16.00 a 18.00 horas. A información está accesible na ligazón https://xuvenciencia.org/campus.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.06.2022.