Pasar al contenido principal

O diagnóstico e estudo de doenzas en animais, a análise na XXXIII Reunión Científica da SEAPV en Lugo

Facultade de Veterinaria da USC
Facultade de Veterinaria da USC
A reunión científica na que participarán investigadores de todas as facultades de Veterinaria de España, e especialistas de centros de I+D e diagnóstico contará co experto en patoloxías de animais acuáticos Jeffrey C. Wolf como relator convidado
Lugo

A XXXIII Reunión Científica da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria citará do 15 ao 17 de xuño na sede universitaria luguesa máis de 100 investigadores procedentes de todas as facultades de Veterinaria de España, ademais doutros especialistas de centros de I+D e diagnóstico nacionais e iberoamericanos, que aproveitarán este foro para intercambiar e compartir coñecementos sobre os últimos avances científicos dunha especialidade que está considerada como unha ferramenta fundamental para o diagnóstico de enfermidades nos animais.

O congreso, organizado por investigadores do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC e no marco do que se prevé a presentación de 39 comunicación orais e 41 en formato póster, pretende servir asemade de impulso á formación no ámbito da saúde dos animais acuáticos, un ámbito no que o profesorado do Campus de Lugo implicado na organización desta reunión científica son recoñecidos expertos a nivel internacional.

“Os anatomopatólogos somos peza esencial no estudo de enfermidades que involucran a animais e persoas e baseamos a nosa actividade diaria no obxectivo mundial ‘One health’, pola relación directa que existe entre enfermidades animais, humanas, medio ambiente e a seguridade alimentaria”, lembra a profesora da USC Maribel Quiroga Berdeal, ao tempo que engade que o estudo das enfermidades que afectan aos animais resulta clave para obter melloras produtivas e de benestar animal no sector primario, que ten unha importancia capital en Galicia.

Programa

O programa deste congreso, cuxas sesións se desenvolverán na Facultade de Veterinaria, así como nas dependencias da Deputación Provincial de Lugo e do Vello Cárcere, inclúe tamén un espazo dedicado á reflexión e á discusión sobre cuestións docentes e de investigación, así como varias actividades satélites abertas á participación das persoas interesadas. De feito, os profesores da USC Roberto Bermúdez, Maribel Quiroga e Ana Losada, xunto cos tamén docentes e investigadores da Autónoma de Barcelona, María Constenla e Francesc Padrós, impartirán na mañá do mércores 15 un obradoiro práctico en diagnóstico clínico e patolóxico de peixes na Facultade de Veterinaria de Lugo.

O experto Jeffrey C. Wolf ofrecerá xa en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, no salón de actos do lugués Pazo de San Marcos, un relatorio aberto a investigadores e empresas que desenvolven a súa actividade no eido da saúde dos animais acuáticos. O propio Jeffrey C. Wolf impartirá ás 18.30 horas a lección inaugural desta reunión científica, unha intervención que leva por título ‘Confessions of a fish toxicologic pathologist’. Ao remate da súa intervención, todos os congresistas poderán compartir un cóctel temático de benvida ‘Ave PathoLucus’ na solaina do Hotel Méndez Núñez.

A segunda xornada da reunión científica da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria trasladará a súa sede do xoves 16 ás dependencias de O Vello Cárcere de Lugo. Jeffrey C. Wolf abrirá ás 9.00 horas a quenda de intervencións co relatorio ‘Misdiagnoses and Missed Diagnoses: Challenges in Fish Toxicologic Pathology’. Ao remate da súa intervención, os congresistas procederán no mesmo escenario á exposición das diferentes das comunicacións orais, agrupadas en bloques temáticos (animais acuáticos, animais silvestres, salvaxes e de laboratorio, innovación en anatomía patolóxica e animais de produción) presentadas ao congreso en sesións moderadas por investigadores sénior con recoñecida traxectoria, tales como Martí Pumarola, Marisa Andrada, Juan Badiola, Gustavo Ramírez, Rosa Bolea,  Juanma Corpa, Antonio Espinosa  ou Maica Ferreras. Asemade, Ana Bravo e Lluís Luján tamén conducirán unha das sesións de discusión sobre os pósters científicos.

A presentación de comunicacións científicas terá continuidade na mañá do venres nas dependencias do Vello Cárcere, onde, xa en quenda de tarde, a partir das 16.15 horas, a profesora Quiroga Berdeal moderará un coloquio no que intervirán como relatores Martí Pumarola, Francesc Padrós, Manuel Arbelo e Estefanía Montero. Ao remate da sesións programadas neste congreso, que tamén contempla no seu amplo programa social visitas guiadas, obradoiros de arte urbano, baile tradicional, un encontro gastrocientífico e outras actividades encamiñadas a poñer en valor o Campus de Lugo da USC e a riqueza patrimonial e cultural da capital luguesa, a Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria celebrará a súa asemblea anual.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2022.