Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC, elixida mellor tese de doutoramento do mundo no eido dos fluídos supercríticos

Víctor Santos Rosales pertence ao grupo I+D Farma
Víctor Santos Rosales pertence ao grupo I+D Farma
O estudo é obra de Víctor Santos Rosales e aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesamento de biomateriais para aplicacións biomédicas, enfocándose principalmente na medicina rexenerativa ósea
Santiago de Compostela

A investigación desenvolvida por Víctor Santos Rosales dentro do grupo I+D Farma da Facultade de Farmacia acaba de ser distinguida como a mellor tese de doutoramento do mundo pola International Society for the Advancement of Supercritical Fluids (ISASF) durante o recente congreso ‘International Symposium on Supercritical Fluids (ISSF2022)’ celebrado na cidade canadense de Montreal. A tese de Santos Rosales foi considerada de forma unánime como a mellor de 2021 no ámbito dos fluídos supercríticos.

A ISASF outorga este galardón de xeito anual ás investigacións con maior impacto no desenvolvemento do coñecemento e aplicacións da tecnoloxía de fluídos supercríticos. Con anterioridade, o traballo de Santos Rosales xa fora premiado, na contorna estatal, pola Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos (FLUCOMP) coma a mellor tese defendida entre os anos 2020 e 2021.

Medicina rexenerativa ósea

A investigación que leva por título ‘New strategies for the production of ready-to-implant bone scaffolds using supercritical fluid technology’ está dirixida polos profesores da USC Carlos A. García-González e Carmen Álvarez-Lorenzo. A tese foi defendida o pasado 20 de outubro de 2021 no marco do doutoramento internacional e recibiu a cualificación de Sobresaliente Cum Laude. O estudo aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesamento de biomateriais para aplicacións biomédicas, enfocándose principalmente na medicina rexenerativa ósea.

A investigación, de carácter interdisciplinario, permitiu o procesado en ausencia de disolventes de scaffolds óseos medicados empregando CO2 supercrítico como axente poróxeno e plastificante. Ademais, desenvolvéronse “varias aproximacións tecnolóxicas que permiten a produción de implantes nanoestruturados con porosidade modulable e altos rendementos de incorporación de fármacos”, sinala o investigador premiado.

Outra innovación desta tese consistiu na xeración de coñecemento sobre a esterilización empregando CO2 supercrítico. “Esta nova tecnoloxía permite a esterilización de biomateriais, fármacos termolábiles e substancias sensibles preservando as súas propiedades iniciais e acadando os niveis de esterilidade requiridos dende un punto de vista lexislativo”, engade. Entre outros fitos, o grupo I+DFarma, en colaboración co grupo liderado pola profesora Beatriz Magariños, identificou o indicador biolóxico para controlar este tipo de procesos, e polo tanto, sinalou o camiño “en prol dunha estandarización que se percibe como de extrema urxencia pola comunidade científica internacional”, matiza o investigador. Nun paso máis alá, a esterilización con CO2 supercrítico integrouse coa preparación de implantes óseos, sendo incluso compatible coa incorporación simultánea de fármacos.

Premio ISASF

A primeira convocatoria do premio outorgado pola ISASF bota a andar no ano 1995 co obxectivo de premiar as contribucións máis notables dos investigadores/as ao comezo das súas traxectorias científicas. Moitos dos actuais referentes mundiais no emprego de CO2 supercrítico para diferentes aplicacións (extracción, purificación, formación de partículas, tratamento e valorización de residuos, biomedicina, alimentación, ou ciencia de polímeros, entre outros) foron galardoados coa mesma distinción.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.06.2022.