Pasar al contenido principal

O proxecto SisAl Pilot avanza na produción de silicio con baixo impacto ambiental

Equipo do CITMAga que integra o proxecto
Equipo do CITMAga que integra o proxecto
O CITMAga no que participan USC, UDC e UVigo leva a cabo a modelización matemática e a simulación numérica dos diferentes tipos de fornos utilizados no novo proceso
Santiago de Compostela

Persoal investigador da USC forma parte do proxecto SisAl Pilot que busca a produción de silicio con baixo impacto ambiental e de forma circular e sostible. Cunha duración de catro anos, está financiado polo programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea, cun orzamento global que supera os 14 millóns de euros.

Coordinado desde a Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU), o proxecto está promovido por un consorcio internacional de 22 socios, do que forman parte centros de investigación europeos e empresas de cobertura estatal e internacional para a aplicación dos resultados, xunto co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Creado a finais de 2021, impulsado por USC, UVigo e UDC,  CITMAga aspira a converterse nun centro de investigación de referencia no que se integran as capacidades científicas das Matemáticas, pero ademais cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento, fundamentalmente á industria autonómica e estatal.

No marco do proxecto SisAl Pilot,  CITMAga leva a cabo a modelización matemática e a simulación numérica dos diferentes tipos de fornos utilizados no novo proceso, para entender e avaliar as interaccións entre os fenómenos físicos que teñen lugar nos fornos co obxectivo de mellorar o funcionamento e deseño dos mesmos e optimizar o seu rendemento. O equipo está integrado polos profesores da USC Dolores Gómez, Pilar Salgado e José Luis Ferrín, xunto a  Branca García e Óscar  Crego como persoal contratado por  CITMAga.

Próxima reunión na USC

Os socios do proxecto reúnense a próxima semana na Facultade de Matemáticas da USC para poñer en común os principais avances logrados no último ano do proxecto. Posteriormente viaxarán a Vilagarcía de Arousa para asistir ás probas que se están realizando nunha empresa de Cuntis. Os participantes na reunión proceden dos nove países que integran o consorcio: Noruega, Alemaña, Francia, Islandia, Italia, Grecia, EEUU, Sudáfrica e España.

“Os nosos hábitos de consumo fan que a sociedade moderna teña unha necesidade inxente de silicio”, apuntan dende o equipo investigador. O seu uso esténdese dende a fabricación de compoñentes  electrónicos (microchips de teléfonos, coches ou computadores, entre outros), aliaxes (especialmente de aluminio, que se usa cada vez máis en coches, avións e todo tipo de aliaxes lixeiras) e estes últimos anos na industria relacionada coa enerxía fotovoltaica, onde a placa de silicio é o elemento que permite producir enerxía a partir da luz do sol.  Na actualidade, o silicio considérase un material crítico para Europa debido aos riscos no seu aprovisionamento e a súa importancia económica.

O proxecto pretende demostrar un novo proceso industrial para producir silicio que permita pasar do proceso actual, baseado na redución  carbotérmica do cuarzo, a unha alternativa moito máis sostible dende o punto de vista ambiental e tamén económico, utilizando materias primas secundarias como aluminio reciclado e finos de cuarzo. “Este proceso reducirá o consumo de enerxía e as emisións de contaminantes, logrando un maior rendemento económico”, explican dende o equipo da USC.

Este proceso innovador permitirá un consumo de enerxía tres veces menor, eliminar as emisións directas de CO2 e outros contaminantes nocivos e, ademais, de forma circular e sostible transformando os subprodutos derivados doutros procesos en novas materias primas como a alumina metalúrxica. “Isto é moi importante, tendo en conta as exportacións de chatarra de aluminio fóra de Europa e a crecente necesidade de silicio e aluminio que agora mesmo se está a importar en varios países europeos”, explican.

SisAl Pilot representa un enfoque innovador de produción de silicio sen pegada de carbono e unha forte contribución á economía circular debido á simbiose coa industria. Nesta liña, no proxecto xogan un papel fundamental as empresas do sector, que están a actuar como provedores de materia prima (aluminio) e como usuarios finais do silicio como elemento para aliaxes. Os resultados están a validarse en industrias de diferentes países, á vez que se van a avaliar casos de negocios industriais para localizacións en Noruega, Alemaña, Grecia, España e Sudáfrica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2022.