Pasar al contenido principal

Asteria Luzardo fixa a implantación dun mestrado en Bioquímica avanzada como “desafío" da Facultade de Ciencias

De esquerda a dereita, Dulce García, Francisco Fraga, Asteria Luzardo, Antonio López, Patricia Regal e Ramiro Barcia, na Facultade de Ciencias
De esquerda a dereita, Dulce García, Francisco Fraga, Asteria Luzardo, Antonio López, Patricia Regal e Ramiro Barcia, na Facultade de Ciencias
A profesora da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC sinala as renovadas infraestruturas docentes e científicas como fortalezas dun centro que traballa para manter a calidade académica e da súa I+D malia a falta de relevo xeracional do PDI nun acto de toma de posesión como decana presidida polo reitor Antonio López
Lugo

A profesora da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC Asteria María Luzardo Álvarez fixa a implantación dun mestrado en Bioquímica Avanzada como un dos “desafíos inmediatos’ da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, segundo puxo de manifesto nun concorrido acto de toma de posesión como decana dun centro presidido polo reitor da USC, Antonio López, e no que tamén interviñeron a secretaria Xeral da institución académica, Dulce García Mella, e o seu predecesor no cargo e actual vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.

Agradecida pola confianza depositada pola Xunta de Facultade na candidatura que lidera e da que tamén forman parte os profesores Ramiro Barcia e Patricia Regal, en calidade de vicedecano e secretaria académica do centro, respectivamente, Asteria Luzardo defende que a consolidación dos tres títulos de grao que se imparten na actualidade: Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética e Bioquímica, “confiren á Facultade de Ciencias unha orientación tecnolóxica a agroalimentaria perfectamente aliñada co ámbito de especialización do Campus Terra”, ao tempo que permiten formar alumnado con perfís profesionais ligados cos sectores industriais da provincia e con capacidade para avanzar no desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da actividade investigadora.

“O mestrado universitario en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias e a ansiada implantación dun posgrao en Bioquímica Avanzada, acaído para ampliar a formación do alumnado graduado en Bioquímica e tamén noutras titulacións do ámbito das ciencias, reforza, se cabe, a conexión da Facultade de Ciencias coas liñas estratéxicas de carácter agroalimentario do Campus Terra” remarcou Luzardo nunha intervención na que tamén fixo explícito o seu agradecemento aos anteriores equipos de goberno do centro e ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, polo seu apoio ao grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.

O acondicionamento de novas aulas e a disposición de laboratorios con infraestrutura para docencia práctica e aos que se prevé dotar con novos equipos e material científico e informático constitúen algunhas das fortalezas da Facultade de Ciencias, destaca Luzardo, que tamén subliña o alto grao de empregabilidade do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais ou a crecente de demanda de nutricionistas e dietistas entre as potencialidades dun centro que está chamado a abrir novas liñas de investigación e a xerar ofertas para a mocidade investigadora, dixo.

A decana da Facultade de Ciencias da USC referiuse, sen embargo, á falta de relevo xeracional de PDI en varias áreas de coñecemento como unha das necesidades que presenta o centro universitario lugués, no que existe “unha clara necesidade de renovación e, sobre todo, de estabilización do persoal docente e investigador”. Daquela, Asteria Luzardo reivindicou na súa intervención “unha aposta pola incorporación de profesorado para consolidar unha estrutura investigadora e acadar así o afianzamento definitivo do centro e da súa inequívoca aposta pola investigación”.

Fraga, López, Luzardo e García, na toma de posesión da decana da Facultade de Ciencias
Fraga, López, Luzardo e García, na toma de posesión da decana da Facultade de Ciencias
Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2022.