Jesús Sanmartín Matalobos traballará “dende a transparencia, o diálogo e o consenso” á fronte do decanato de Química
“Tentarei non defraudar a vosa confianza, traballando arreo, e facéndoo dende a transparencia, o diálogo e o consenso”. Esta é a vontade do profesor Jesús Sanmartín Matalobos quen este xoves 23 tomou posesión do seu cargo como novo decano da Facultade de Química da USC. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa intervención da decana saínte, Pilar Bermejo, e da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento do novo decano.
Antonio López quixo agradecer tanto ao equipo saínte como ao entrante, a súa implicación na xestión, peza clave para garantir a autonomía universitaria, e felicitou a toda a comunidade do centro polo programa de actividades para conmemorar o centenario dos estudos de Química en Galicia. O reitor quixo tamén aproveitar a súa intervención para poñer o foco no relevo xeracional. Eido no que a USC, explicou, está a actuar por adiantado a través do seu Plan plurianual de profesorado.
Selo de excelencia
“O equipo do que formo parte tentará avanzar cara a excelencia nas titulacións das que o centro é responsable”, subliñou Sanmartín Matalobos no seu discurso. Isto pasa por lograr a acreditación institucional, o que suporá unha simplificación do procedemento de renovación do título de grao, dos mestrados en Investigación Química e Química Industrial, en Química Orgánica e en Química na fronteira entre a Bioloxía e a Ciencia de Materiais. Esta acreditación, á súa vez, é o punto de partida para lograr o Selo Internacional de Calidade Eurobachelor. Este Selo é un certificado concedido pola European Chemistry Thematic Network a un título de grao avaliado segundo unha serie de estándares definidos de acordo cos principios de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior, tal e como explicou o profesor Sanmartín Matalobos.
“O selo recoñece a calidade dun título dentro e fóra do país onde se imparte, sendo este recoñecemento un incentivo para potenciais estudantes para elixilo, porque esta acreditación ofrece información fiable sobre a calidade dos títulos que obteñen o Selo”, matizou o novo decano. “Ademais, asegura aos empregadores que os coñecementos e as competencias prácticas dos egresados alcanzan unha serie de estándares internacionais da educación no ámbito da Química. Recentemente, iniciamos o proceso diante da ANECA, e contamos con ser obxecto de avaliación no mes de novembro”, explicou Sanmartín Matalobos á hora de presentar os seus retos máis inmediatos.
Precisamente na obtención do devandito Selo é necesario “avanzar cara unha maior internacionalización”, dixo. Motivo polo cal, o novo decano quere traballar no impulso de novos acordos bilaterais e participar en novos programas, como puidera ser, o Programa Transatlántico de Intercambio de Estudantes de Ciencias que implica a universidades europeas e norteamericanas, explicou. A posibilidade dun grao bilingüe, o relevo xeracional e as infraestruturas foron outras das cuestións nas que o decano centrou o seu discurso.
Equipo de goberno
O profesor Jesús Sanmartín Matalobos foi elixido decano da Facultade de Química da USC logo das eleccións celebradas o pasado 19 de abril. Sanmartín Matalobos obtivo 54 votos a favor, 1 voto en branco e 4 votos nulos. O equipo de goberno nesta nova etapa está integrado polo vicedecano Pedro Rodríguez Dafonte, profesor do Departamento de Química Física; e a secretaria académica Mª Carmen Barciela Alonso, profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía. Ademais, Mª Mercedes Parajó Montes actúa como coordinadora de calidade; mentres que Pilar Bermejo Barrera encárgase da coordinación do Centenario de estudos de Química da USC.
Traxectoria
Jesús Sanmartín Matalobos é profesor titular de Química Inorgánica na USC dende 1997 e, dende 2021, está adscrito ao Instituto de Materiais (iMATUS). A súa investigación céntrase en diferentes aspectos da Química de Coordinación e Supramolecular, estando a maioría deles relacionados con diferentes propiedades dos compostos, e a súa aplicación potencial como biocidas, sondas fluorescentes ou materiais magnéticos. Como resultado da súa investigación, ten publicado máis de 150 artigos científicos en revistas internacionais recollidas no JCR.
No período 2014-2022, desempeñou o cargo de secretario académico da Facultade de Química, sendo ademais coordinador dos Programas de mobilidade SICUE e ERASMUS. Dende o ano 2019 é editor xefe da sección ‘Macromolecular Crystals’ da revista científica Crystals, sendo tamén editor académico da revista Radiation.