O grupo Hispona pon en común nun encontro investigacións que empregan testemuños persoais para o estudo dos conflitos bélicos
O grupo HISPONA (Historia política e dos nacionalismos) da USC organiza o encontro ‘Escribir a guerra. Testemuños persoais e memorias das guerras ibéricas do século XX’. Coordinado polos investigadores Xosé M. Núñez Seixas e Alfonso Iglesias Amorín, terá lugar os días 22 e 23 de novembro no seminario 331 da Facultade de Filosofía.
As xornadas organízanse en colaboración coa Universidade do Porto e o grupo de investigación CROME (Crossed Memories) da Universidade de Coimbra, e teñen como obxectivo servir como marco de relación entre persoal investigador de diferentes universidades da Península para as liñas de traballo que teñen en común o emprego de testemuños persoais e memorias para afondar no estudo dos conflitos bélicos.
Entre os episodios históricos tratados estarán as guerras coloniais españolas de Cuba, Filipinas e Marrocos e as portuguesas de Angola, Mozambique e Guinea Bisáu; a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial. Todos eles vistos a través de testemuños persoais e dos escritos que deixaron.