Investigacións sobre enfermidades metabólicas, cerebro, ARN e cancro centran o I Simposio Internacional do CiMUS
Do 11 ao 12 de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela acollerá o I Simposio Internacional do CiMUS, un encontro no que se darán cita, de maneira presencial e en liña, ao redor de 200 profesionais de todo o mundo. Organizado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, o simposio centra o seu programa científico en tres das principais áreas de investigación do CiMUS , concretamente os mecanismos básicos da bioloxía e a enfermidade humana, a medicina de precisión e teranóstica e o descubrimento de fármacos. Nesta cita, cuxo comité organizador está dirixido por Rubén Nogueiras, abordaranse os desafíos e tendencias que expón a investigación biomédica desde a súa base ata a translación clínica.
Fundamentos do programa
As co-morbilidades asociadas ao metabolismo, a importancia do cerebro en enfermidades humanas, os novos coñecementos en cancro, así como o potencial terapéutico do ARN en neuroloxía ou desde o punto de vista epixenético son algunhas das temáticas que centrarán este encontro de man de persoal investigador da USC e doutras figuras científicas de especial relevancia no panorama estatal e internacional, entre as que se encontran , como o investigador do CSIC Xosé Bustelo, ou a investigadora do CNIO. Marisol Soengas
Divulgar os resultados da investigación para mellorar a saúde
O actual contexto sanitario e social pon de manifesto unha vez máis a necesidade dunha maior alfabetización científica mundial, que só pode acadarse mediante a difusión de investigacións de vangarda. Este encontro do CiMUS, do mesmo xeito que os anteriores workshops, constitúe un escaparate dende o que amosar os resultados de diferentes investigacións e o talento novo do Centro. Grazas a enfoques multidisciplinares para mellorar a saúde humana e o coñecemento científico, e ao fomento de sinerxías entre o persoal investigador, o CiMUS aposta por un traballo sen fronteiras, aberto ao mundo, que contribúa a situar a ciencia biomédica desenvolvida en Galicia no mapa global.
O programa completo do evento está dispoñible na web do simposio.