Pasar al contenido principal

A USC impón a Insignia de Ouro a Ramón J. Méndez Pampín en recoñecemento da súa traxectoria no eido da Enxeñaría Química

Méndez Pampín e Antonio López tras a imposición da Insignia. FOTO: Santi Alvite
Méndez Pampín e Antonio López tras a imposición da Insignia. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López puxo en valor a dilatada carreira do homenaxeado e subliñou a súa capacidade de xuntar e liderar persoas para facer equipo
Santiago de Compostela

O profesor emérito da USC, Ramón J. Méndez Pampín, foi homenaxeado este venres, nun emotivo acto presidido polo reitor Antonio López, que serviu de escenario para impoñerlle a Insignia de Ouro da USC “pola súa relevante traxectoria docente e investigadora nos ámbitos da Enxeñaría Química e da Biotecnoloxía Ambiental”. Así o establece a resolución reitoral da concesión, á que deu lectura a secretaria xeral, Dulce Gracía Mella, no transcurso dunha sesión que se desenvolveu no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría.  

Antonio López puxo en valor a longa traxectoria do homenaxeado, historia viva dos estudos de Química na USC que están a vivir a celebración do seu centenario, e agradeceulle a súa implicación coa institución. O reitor subliñou a súa capacidade de xuntar e liderar persoas para facer equipo e afirmou que para el supuxo unha grande honra entregar este recoñecemento.  

Pola súa parte, o profesor Méndez Pampín realizou un percorrido por diferentes momentos da súa traxectoria dende unha perspectiva colectiva, sempre vinculada ao seu grupo de investigación, ao departamento e á evolución dos estudos arredor da enxeñaría química. Afirmou sentir unha grande honra pola imposición da Insignia que, malia ser individual, dixo, abrangue o recoñecemento ao traballo dun equipo do que se sente moi afortunado de pertencer. Finalmente, quixo dar as grazas á USC  por acollelo dende a súa etapa formativa e agarda, engadiu, ter contribuído ao engrandecemento da institución.

O tamén profesor emérito da USC e presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, foi o encargado de presentar a traxectoria do homenaxeado, de quen destacou as “calidades persoais, xunto co seu espírito emprendedor e a súa capacidade intelectual fora de toda dúbida”, dixo. Trátase, continuou Juan Lema, dunha “combinación imbatible entre o factor humano e os aspectos profesionais”.

O acto contou tamén coas intervencións dos profesores Anuska Mosquera Corral e Alberto Arce Arce e da técnico de xestión Rosa Ma Arcos Añón. A continuación, foi a quenda de Luis Melo da Universidade do Porto e do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo. Tamén participou no acto Roberto Almuíña. Achegas todas elas atravesadas por un marcado ton emotivo que serviron para repasar a traxectoria e render tributo a Méndez Pampín.

Traxectoria

O profesor Méndez Pampín é cofundador, xunto con Juan Lema, do grupo de investigación en Biotecnoloxía Ambiental da USC que leva xa 35 anos en funcionamento e que se erixe nun referente internacional no eido da recuperación de recursos e de tratamento de augas residuais aplicando tecnoloxías baseadas na acción de microorganismos ou enzimas. De feito, as contribucións do homenaxeado na área de tratamento de augas teñen sido decisivas, avanzando en campos pouco explorados como é o caso das correntes residuais de elevada salinidade, levando a cabo unha investigación básica que deu como resultado o desenvolvemento a nivel piloto e, posteriormente, a escala industrial de tecnoloxía acaída para o tratamento e recuperación da enerxía destas correntes altamente contaminantes. O sector lácteo ou a industria da madeira, xunto coa eliminación de nitróxeno de augas residuais, constitúen tamén terreos de intervención para o profesor Méndez Pampín.

Catedrático dende 1983 no departamento de Enxeñería Química da USC, Ramón J. Méndez Pampín foi coordinador de numerosos mestrados, proxectos e programas e interveu nun total de 48 proxectos de investigación derivados de convocatorias competitivas. Participou, ademais, en máis de medio cento de contratos de investigación con empresas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2022.