Pasar al contenido principal

Inaugurada en Xeografía e Historia unha aula en homenaxe a Andrés Gaos

Inaugurada en Xeografía e Historia unha aula en homenaxe a Andrés Gaos
Inaugurada en Xeografía e Historia unha aula en homenaxe a Andrés Gaos

O violinista Andrés Gaos (A Coruña, 1874 – Mar de Prata, 1959) será en 2019 centro importante da programación cultural universitaria compostelá, cando se cumpren 60 anos do seu pasamento e logo de que hai pouco máis dun ano a familia do compositor doase á USC o seu fondo documental xunto con dous dos seus violíns para o seu estudo e divulgación.

Como adianto do extenso programa que durante todo o ano se porá en marcha para dar a coñecer a vida e o obra do que está considerado como o maior representante da escola española de violín, este mércores 28 na aula 12 da Facultade de Xeografía e Historia inaugurouse a Aula Andrés Gaos. A continuación, no Paraninfo da Universidade, un concerto monográfico para voz e piano fixo resoar obras do compositor coruñés a cargo da mezzosoprano Iria Cuevas co pianista Alejo Amoedo.

Ábrese e anúnciase así o Ano Gaos 2019, que contará con importantes celebracións (exposicións, concertos, edicións, simposios, etc.) en diversas cidades galegas e que, por iniciativa da Universidade de Santiago, conta co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello da Coruña, Afundación, o Consello da Cultura Galega, as orquestras Filharmonia de Santiago e Sinfónica de Galicia e o Centro de Radio Televisión de Galicia; ademais do equipo de investigación Organistrum, que patrocina o Ministerio de Economía e Competitividade e a Unión Europea.

Os intérpretes do recital Natural de Ponteareas, Iria Cuevas acada en 2011 o Título Superior en Música na Especialidade de Canto baixo a tutela de Teresa Novoa. Ten realizado numerosos recitais cos pianistas Alejo Amoedo, Xesús Pardal, Julio Aléxis Muñoz, Jorge Robaina e Carlos Enrique Pérez, entre os que destaca o organizado en 2012 pola Federación Asociacións Ibéricas de Compositores en colaboración coa Asociación Galega de Compositores no que levou a cabo a estrea mundial de obras de Paulino Pereiro, Juan Pérez Berná, Gloria Rodríguez, Manuel Alejandre, González de la Rubia, Jesús Ángel Rodríguez ou Antón García Abril.

En 2011 foi premiada coa Mención de Honra á Excelencia Musical no concurso organizado pola Consellaría de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Paideia, e que fixo posible a gravación do disco Mélodies xunto ao pianista Alejo Amoedo.

Pola súa banda, o pianista Alejo Amoedo, nado en Redondela, realiza en Pontevedra e Vigo as carreiras de piano e música de cámara cos mestres Jesús Fernández Yepes e Josefa Estarque. Posteriormente en Madrid, baixo a dirección de Miguel Zanetti, especialízase no acompañamento vocal.

A súa ampla traxectoria interpretativa levouno a realizar numerosos recitais nos que destaca a estrea de obras de Rogelio Groba, Carlos López García-Picos, Rei Rivero, Juan Durán, Luís Carro, Juan Eiras, Javier Comesaña, Antonio Paz Valverde, Paulino Pereiro, Eligio Vila, Carlos Cambeiro, Julius Andrejevas, Margarita Viso ou Miguel Brotóns. Dos seus traballos discográficos máis recentes destacan o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos, gravado co clarinetista Asterio Leiva e editado por Ouvirmos, e Evocación coa obra para piano solo de Reveriano Soutullo.

Na actualidade exerce como repertorista de instrumentos no Conservatorio Superior de Música de Vigo e forma parte do proxecto de investigación da USC ‘ Fondos documentales de música en los archivos civiles de Galicia (1875-1951): Ciudades del Eje Atlántico’ que dirixen os profesores da USC Carlos Villanueva e Javier Garbayo.

Andrés Gaos Considerado pola prensa como un neno prodixio, aos 12 anos Gaos consegue unha bolsa da Deputación da Coruña para estudar no Conservatorio de Madrid co violinista Jesús de Monasterio. Posteriormente marcha a París e Bruxelas, onde tamén estudará composición e será alumno de Eugène Ysaÿe, coñecido como ‘o rei do violín’.

Con só 20 anos fará a súa primeira xira por América, para terminar instalándose finalmente en Arxentina en 1895, país no que desenvolverá unha importante actividade educativa (creou o seu propio conservatorio en 1904), interpretativa (como solista e co seu cuarteto), como director de orquestra (foi, por exemplo, director da orquestra que representou Arxentina na exposición de París de 1937) e compositiva.

A súa obra compositiva é ampla. Con máis de 70 títulos inclúe repertorio escénico, orquestral, pianístico, para violín, para violoncello e para voz e piano. Ademais do repertorio arxentino, como o seu Tango ou a súa Danza argentina, compuxo un importante repertorio de temática galega como a súa Muiñeira, Aires gallegos, Rosa de abril (baseada nun poema de Rosalía de Castro) e a súa famosa Sinfonía nº 2, coñecida tamén como Suite Galaica ou En las Montañas de Galicia e coa que gañou o premio da Hermandad Gallega de Buenos Aires en 1953, o que lle valeu ser considerado un dos máximos representantes da música galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2018.