Pasar al contenido principal

Un curso sobre deseño e análise de experimentos abre o martes o programa de formación específica do Campus Terra

Participantes no curso de análise sensorial de alimentos celebrado na APLTA do Campus Terra
Participantes no curso de análise sensorial de alimentos celebrado na APLTA do Campus Terra
A propiedade industrial e intelectual e o uso de patentes para a creación de valor centra, a partir do 20 de xullo, outro seminario do Campus Terra, que continuará as súas accións formativas en setembro, outubro e novembro coa celebración de 14 cursos de temática específica dirixidos a estudantes de grao e mestrado, PDI e tecido produtivo. A inscrición é gratuíta e xa está aberta en liña
Lugo

O Campus de Especialización Campus Terra da sede universitaria luguesa, financiado pola Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades, continúa este verán o seu programa de accións formativas gratuítas coa celebración dos cursos ‘Deseño e análise de experimentos’, que comeza o martes 12, e ‘Propiedade industrial e intelectual. Por qué usar patentes para crear valor?’. Casos do sector agroforestal’, que se desenvolverá no edificio Cactus a partir do 20 de xullo. O programa de accións formativas do Campus Terra continuará a partir do mes de setembro coa organización de 14 cursos de temática específica dirixidos a estudantes de grao e mestrado, PDI e axentes do tecido produtivo. As prazas son limitadas e a inscrición xa está aberta en liña.

O obxectivo destas actividades formativas é fomentar e complementar a formación continua do persoal docente e investigador do Campus de Lugo, potenciar a transversabilidade de coñecementos entre o alumnado de graos e mestrados e mellorar a capacitación de profesionais vinculados ás áreas de coñecemento do Campus Terra. As diversas convocatorias van dirixidas principalmente á comunidade universitaria do campus lucense, pero tamén está aberta a todos os membros da USC cuxa actividade teña ligazóns cos eixos científicos do Campus Terra.

O programa formativo do Campus Terra comezou a finais de xuño cun curso sobre análise sensorial de alimentos que citou uns 20 profesionais da industria alimentaria nas instalación da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA),  que acubillará unha nova edición deste mesmo módulo de formación teórica e práctica o 22 de setembro.

Alén destes cursos, a grella de accións formativas especializadas inclúe máis dunha ducia de módulos específicos nos meses de setembro, outubro e novembro. Así, o alumnado de grao e mestrado poderán completar en setembro programas de introdución ao manexo de drons, edicións de documentos e presentacións de LaTex, xestión de tarefas e de tempo ou de manexo avanzado de follas de cálculo. Estes cursos tamén están abertos á participación do PDI, que, ademais tamén poderá ampliar coñecementos en cursos de configuración e administración de redes, introdución ao sistema operativo Linux, introdución avanzada no emprego de QGis, Power-Bl análise de datos e business intelligence ou sobre novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite.

Os programas formativos previstos para o mes de outubro abarcan outros ámbitos temáticos específicos, tales como poden ser a situación actual do sector UAS, análise de eficiencia e produtividade en explotacións agropecuarias, avaliación económico-financeira de proxectos ambientais, xestión económico-financeira de explotacións de leite ou tendencias actuais na educación no medio natural e rural.

Inscrición

O prazo de inscrición en calquera das accións incluídas no programa de formación do Campus Terra xa permanece aberto, polo que as persoas interesadas poden realizar xa a súa matrícula de balde a través do formulario habilitado en liña. As prazas ofertadas en cada para cada unha das propostas formativas están limitadas e o proceso de admisión dará prioridade ás persoas ligadas ao Campus Terra.

Ademais, de xeito parello ao desenvolvemento destes cursos, os centros aliñados do Campus de Especialización Campus Terra tamén acollerán distintos relatorios e sesións expositivas dirixidas especialmente a investigadores predoutorais e postdoutorais, cuxa temática estará enfocada ao financiamento de proxectos de investigación e a elaboración de propostas científicas.

Os membros da comunidade universitaria do Campus Terra, en particular, e da USC, nun contexto máis amplo, poden tamén obter máis información respecto desta oferta de formación a través dos números de teléfono 982822854/22860 ou tamén no enderezo de correo electrónico campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es).

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2022.