Pasar al contenido principal

A USC convértese en sede do Centro SECS de Documentación de Ciencias do Solo en España

Entre os motivos que apoiaron a candidatura, destaca a contorna científica relacionada coa Ciencia do Solo na USC. FOTO: Santi Alvite
Entre os motivos que apoiaron a candidatura, destaca a contorna científica relacionada coa Ciencia do Solo na USC. FOTO: Santi Alvite
Situado na Facultade de Bioloxía, conta con máis dun milleiro de monografías e doce títulos de publicacións periódicas
Santiago de Compostela

USC e Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS) acaban de inaugurar, co gallo do Día Internacional da Conservación do Solo, un centro de documentación que se atopa na biblioteca da Facultade de Bioloxía e que está integrado por máis dun milleiro de monografías e doce títulos de publicacións periódicas. Forman tamén parte do depósito 141 teses de doutoramento, 82 volumes de informes para distintas administracións, 42 mapas, case 2.000 microfichas e a colección de ortofotos do chamado voo americano de 1956.

A SECS abriu e 2018 un concurso público dirixido ás universidades públicas españolas coa finalidade de seleccionar a institución que ofrecera as mellores condicións para acoller e integrar nas súas dependencias de biblioteca o Centro SECS de Documentación de Ciencias do Solo en España. O seu obxectivo era alargar a vida útil da documentación que recibira en concepto de doazóns (libros, mapas, informes, entre outros materiais), mellorando a eficiencia no uso de recursos públicos dedicados a bibliografía e  contribuíndo,  deste modo, a  realizar  unha  actividade  de  utilidade  pública  de  interese  xeral que non realizan outras entidades con este tipo de documentación.

A USC, en virtude da longa tradición coa que conta en estudos de  Edafoloxía, da extensa actividade docente e investigadora que realiza na devandita materia, así como das estreitas relacións que mantén con outros centros e institutos de investigación relacionados coas Ciencias do Solo e, en  particular, coa propia Delegación Territorial en Galicia da SECS, presentou a súa candidatura para ser a institución que albergara este Centro en España mediante a súa integración na Biblioteca Universitaria da USC (BUSC).

Entre os motivos que apoiaron a candidatura, destaca a contorna científica relacionada coa Ciencia do Solo na USC, así como a organización dun centro documental integrado na Biblioteca Universitaria da USC. En outubro de 2019, tras a firma do convenio entre a SECS e a USC, tramítanse as primeiras doazóns correspondentes ás bibliotecas de Mariano Magister e Carlos Roquero. En 2021, tramitouse a doazón de Jaume Porta, anterior presidente da SECS.

“Centro sen paredes”

Aínda que o Centro de Documentación é, pola súa natureza, de carácter estatal e busca ter proxección internacional, conta cunha ampla comunidade científica na súa contorna que sustenta e apoia esta iniciativa, e que pode contribuír activamente á creación de fondos e á súa difusión, converténdose nun “Centro sen paredes” accesible a calquera persoa interesada, contribuíndo así á creación de coñecemento e difusión da Ciencia do Solo, explica a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal.

Todos os aspectos técnicos de catalogación, dixitalización, correcta identificación e difusión, que aseguran a súa sinxela utilización pola comunidade científica estatal e internacional quedarán perfectamente garantidos polo tratamento técnico que o persoal da Biblioteca Universitaria proporciona ao fondo bibliográfico e documental do Centro SECS.

O devandito Centro actúa como receptor de doazóns modais de documentación referentes a Ciencias do Solo que consiga ou tramite a SECS de entidades públicas, entidades privadas e de persoas físicas; xestiona de forma eficiente a documentación de cada doazón, así como os excedentes de acordo coa Xunta Directiva da SECS.

O acto de inauguración desenvolveuse no Salón de graos da Facultade de Bioloxía e estivo presidido polo vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; acompañado de presidente da SECS, Jorge Mataix; o vicedecano de Bioloxia, Francisco Javier Salgado Castro; a directora da BUSC, Mabela Casal Reyes; e o doador e anterior presidente SECS, Jaume Porta. Tamén asistiron igualmente as familias dos doantes Mariano Magister e Carlos Roquero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.07.2022.