Pasar al contenido principal

Ángel Carracedo, investido doutor ‘honoris causa’ pola Universidade de Cantabria

Carracedo comezou alertando no seu discurso sobre “o grave problema do sistema educativo". FOTO: UC
Carracedo comezou alertando no seu discurso sobre “o grave problema do sistema educativo". FOTO: UC
A UC outorgou esta distinción ao catedrático de Medicina Legal da USC pola súa “destacadísima traxectoria docente, de investigación e de innovación e transferencia”, nunha cerimonia que contou coa presenza do reitor Antonio López
Santiago de Compostela

O catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, ingresou este luns 11 no claustro de doutores honoris causa da Universidade de Cantabria (UC), nun acto que tivo lugar no Paraninfo universitario, presidido polo reitor, Ángel Pazos. Na cerimonia tamén estivo presente o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O profesor Carracedo, que foi presentado polo catedrático da UC, José Antonio Riancho, detallou no seu discurso de aceptación o seu campo de actividade, a xenómica, que segundo explicou, “está a permitir a identificación de novas dianas terapéuticas, a estratificación dos pacientes para que os medicamentos sexan máis eficaces a través de terapias personalizadas e a aceleración do proceso de investigación preclínica”. E, en concreto, sinalou como “neste momento está a interesarme especialmente a xenética de enfermidades psiquiátricas. O seu compoñente xenético é elevadísimo, moito máis que ningún cancro pero coñecémolo moi pouco”.

Carracedo comezou alertando no seu discurso sobre “o grave problema do sistema educativo, que necesita unha reforma radical en contidos e métodos e creo que a Universidade debería liderar esa necesaria revolución e non deixarse levar pola inercia dun sistema obsoleto que impide unha formación integrada e unha compresión do mundo que nos rodea” 

Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. A UC decidiu outorgarlle o doutoramento honoris causa en atención á súa “destacadísima traxectoria docente, de investigación e de innovación e transferencia” en diversos campos relacionados coa Xenética Humana, así como pola súa vinculación coa Universidade de Cantabria, destacando a súa colaboración, orientación e axuda a diferentes grupos da Facultade de Medicina e do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla implicados en proxectos de investigación de áreas como a Xenética Forense, a Xenética de Poboacións e de Enfermidades Complexas e exercendo un verdadeiro “mecenado intelectual” do Instituto de Investigación Marqués de Valdecilla (IDIVAL).

Carracedo recibiu en 2012 o maior recoñecemento no campo forense, a Adelaide Medal, e actualmente preside a International Academy of Legal Medicine e o Consello Asesor Forense de Cruz Vermella Internacional. A proposta do seu recoñecemento xurdiu do Departamento de Medicina e Psiquiatría, co apoio do de Fisioloxía e Farmacoloxía e da Facultade de Medicina da institución cántabra.

O profesor Carracedo no intre da investidura. FOTO: UC
O profesor Carracedo no intre da investidura. FOTO: UC
Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.07.2022.