Pasar al contenido principal

Ciencias Económicas e Empresariais clausurou os actos conmemorativos do 50 aniversario dos Estudos de Economía en Galicia

Ciencias Económicas e Empresariais clausurou os actos conmemorativos do 50 aniversario dos Estudos de Economía en Galicia
Ciencias Económicas e Empresariais clausurou os actos conmemorativos do 50 aniversario dos Estudos de Economía en Galicia

A conmemoración dos 50 anos dos estudos universitarios de Economía e Empresa en Galicia viviu este mércores 28 a súa última xornada cunha serie de actos na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. O acto de clausura oficial desenvolveuse no hall do centro coa presenza da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e da decana do centro María Emilia Vázquez Rozas. Logo da proxección dun vídeo resumo do aniversario inauguraron a exposición ‘50 anos de Economía Galega na Prensa’, que permanecerá no centro os vindeiros meses. Esta mostra recolle un total de 45 portadas e de páxinas destacadas dende 1968 e serve como percorrido pola historia económica e do xornalismo. Na súa elaboración colaboran La Región, El Progreso, Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia.

Previamente, a xornada iniciouse cunha reunión do Comité Consultivo da Facultade e continuou no Salón de Graos coa presentación do Catálogo de obras de arte da Facultade, na que participaron o catedrático e exdecano do centro José Carlos de Miguel e José Manuel García Iglesias, catedrático de Historia de Arte Moderna e Contemporánea.

A Revista Galega de Economía foi a seguinte protagonista da xornada coa presentación dun número extraordinario que recolle as participacións e conclusións do Congreso ‘50 anos de economía galega’, da man de María del Carmen Guisán, directora da Revista Galega de Economía, e da decana Emilia Vázquez. A mesa redonda ‘Os 50 anos de Economía Galega na prensa’, contou con Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; os profesores Xaime Barreiro e José Antonio Varela; e Sofía Vázquez e Xavier Cea, xornalistas de La Voz de Galicia e El Correo Gallego, respectivamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2018.