Pasar al contenido principal

O Ránking de Shanghai destaca a USC nun total de quince ámbitos científicos

O Ránking de Shanghai abrangue máis que 1.800 institucións académicas das 5.000 analizadas nun total de 96 países. FOTO: Santi Alvite
O Ránking de Shanghai abrangue máis que 1.800 institucións académicas das 5.000 analizadas nun total de 96 países. FOTO: Santi Alvite
A institución universitaria ocupa a segunda posición de España en Odontoloxía e Ciencias Orais e a oitava en Ciencias Veterinarias
Lugo, Santiago de Compostela

A USC é unha das universidades máis destacadas do mundo nun total de quince ámbitos científicos na edición 2022 do ránking de Shanghai por materias (ARWU). Así, en Odontoloxía e ciencias orais a Universidade ocupa o chanzo 101-150 a nivel mundial, situándose na segunda posición da contorna estatal. A segunda área máis destacada da USC é a de Ciencias veterinarias, no mesmo intervalo internacional e na oitava posición entre as universidades españolas incluídas na clasificación.

Outros eidos que acadan posicións sobranceiras son Farmacia e ciencias farmacéuticas que ocupa o intervalo 151-200 (posición 4-5 de España), mentres que Ciencias políticas sitúase no posto 201-300 (4-5 de España), igual que Física (chanzo 8-11 de España),  Hostalaría e xestión do turismo (intervalo 16-20 de España) e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía (19-27). Séguenlles no intervalo 301-400, Ciencias ambientais e enxeñaría, así como Biotecnoloxía, situándose as dúas no banzo 5-10 da clasificación española do ránking.

Materias tamén destacadas no intervalo 301-400 son Química (posto 11 na clasificación estatal), Ciencias agrícolas (11-19 de España) e Matemáticas (banzo 12-15). No 401-500 destacan Ciencias biolóxicas (12-18 na contorna estatal), Educación (14-22) e Ecoloxía (19-24).

Metodoloxía

O Ránking de Shanghai abrangue máis que 1.800 institucións académicas das 5.000 analizadas nun total de 96 países. A clasificación elabórase en base a cinco indicadores: o número de artigos publicados no primeiro cuartil do Journal Citation Reports (JCR); o Category Normalized Citation Impact (CNCI) de InCites, ferramenta de avaliación da investigación baseada en citas que recolle, analiza e compara a produción científica incluída na Web of Science dende 1980 ata a actualidade; a porcentaxe de artigos publicados con co-autoría internacional; o número de artigos publicados en publicacións relevantes e congresos; e o número de galardóns recibidos por materias. O criterio para identificar as publicacións, foros e premios de maior prestixio parte dunha sondaxe a 1424 docentes en todo o mundo de 110 universidades e 18 países.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.07.2022.