Pasar al contenido principal

Unha xornada da Rede Inmunogenom cita en Veterinaria este xoves mocidade que está a investigar no ámbito da acuicultura

Cartaz da xornada organizada pola Rede Inmunogenom
Cartaz da xornada organizada pola Rede Inmunogenom
Os investigadores inscritos presentarán os resultados das súas pescudas, ademais de intercambiar coñecementos. O venres celebrarase un taller de necropsia de peixes

A rede de Inmunoxenómica de enfermidades de peixes e moluscos (Inmunogenom), formada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), promove a organización da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, un foro que se desenvolverá este xoves 29 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, un escenario no que se presentarán arredor de medio centenar de comunicacións e pósters científicos.

O investigador Paul André Van Damme, do Instituto de Investigación Aplicada de Recursos Acuáticos Faunagua, con sede en Conchabamba (Bolivia), abrirá ás 10.00 horas, no salón de actos de Veterinaria, a quenda de intervencións deste foro cunha lección inaugural que se desenvolverá baixo o título ‘Desenvolvemento sostible da pesca e da acuicultura na amazonia boliviana, retos e ameazas’ .

A intervención de Paul André Van Damme dará paso á primeira quenda de presentacións programada no marco dunha xornada orientada a favorecer a reunión de investigadores predoutorais que traballen en temas relacionados coa acuicultura, co fin de que aproveiten este encontro para presentar e discutir os resultados das súa investigacións neste campo.

O programa da xornada terá continuidade pola tarde cunha nova quenda de presentación de comunicacións orais. Ao seu remate, as investigadoras da USC Yolanda Torres e Ana Manuela de Azevedo ofrecerán o relatorio ‘A acuicultura en Galicia: financiamento e investigación’. Unha mesa redonda sobre esta temática moderada pola profesora da USC Maribel Quiroga Berdeal e na que tamén intervirán como relatores Rosa Fernández, do Cetmar; Antonio Villalba, de Cima, e Javier Cremades, da UDC, servirá de colofón desta xornada.

As persoas interesadas en participar como oíntes neste encontro de novos investigadores no eido da acuicultura poden atopar máis información na web da xornada. Os organizadores deste foro agasallarán con diversos premios aos autores da mellor presentacións e do mellor póster científico.

Taller de necropsia de peixes

Alén desta xornada de formación e divulgación científica, a Rede Inmunogenom tamén organizará na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo o 30 de novembro, coincidido coa celebración do Día da Acuicultura, o taller ‘Necropsia e toma de mostras en peixes’.

Este obradoiro formativo, que estará impartido por profesores e investigadores do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias agromados no grupo de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet), é gratuíto para as persoas interesadas. O aforo está limitado a un máximo de 20 participantes e terán preferencia aqueles que tomaron parte na I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2018.