Pasar al contenido principal

A decana de Física renova no seu cargo coa ollada posta en “adaptar e modernizar a oferta docente”

Profesora titular dende 2012, López Lago está adscrita ao Instituto de Materiais (iMATUS) da USC e a súa traxectoria investigadora céntrase no desenvolvemento de instrumentación para caracterización de materiais. FOTO: Santi Alvite
Profesora titular dende 2012, López Lago está adscrita ao Instituto de Materiais (iMATUS) da USC e a súa traxectoria investigadora céntrase no desenvolvemento de instrumentación para caracterización de materiais. FOTO: Santi Alvite
Elena López Lago tomou posesión nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que desexou que “o futuro que nos espera se constrúa colaborando entre todos”
Santiago de Compostela

A profesora Elena López Lago tomou posesión este xoves 21 do seu cargo como decana da Facultade de Física, nun acto presidido polo reitor Antonio López. López Lago, que repetirá mandato por outros catro anos máis, asegurou que traballará en “adaptar e modernizar a oferta docente”, sobre todo no relativo ao mestrado, e desexou que “o futuro que nos espera se constrúa colaborando entre todos”. A secretaria xeral, Dulce García Mella, foi a encargada de dar lectura ao nomeamento.

Antonio López dixo compartir as metas e as necesidades que formulou a decana porque “os retos da Facultade son os da Universidade”. Ademais, comprometeu a súa vontade de “traballar xuntos e colaborar para acadar as solucións necesarias”. Neste senso, o reitor anunciou que está prevista a renovación de toda a envolvente do edificio que se acometerá en diversas actuacións en función da dispoñibilidade orzamentaria. Apelou tamén ás negociacións coa Consellaría para a definición dun plan de infraestruturas no que se prestará atención ás necesidades deste centro.

Abrir vías que devolvan a confianza na posibilidade de desenvolver unha carreira docente e investigadora foi outra das cuestións nas que profundou o reitor. Neste senso, Antonio López reivindicou a necesidade de contar cun financiamento de carácter estrutural para a investigación. Ademais, valorou o carácter único no Sistema Universitario de Galicia do grao en Física pola súa transversalidade e xeralidade. A oferta, dixo, debe adecuarse ás demandas do estudantado pero tamén á oferta laboral. O reitor destacou que a USC seguirá traballando na apertura da oferta tendo en conta as capacidades da institución.

Actitude proactiva

A profesora López Lago iniciou a súa intervención con verbas de agradecemento para a “actitude proactiva” que, durante a xestión da pandemia, demostrou a comunidade do centro no seu conxunto, “amosando unha capacidade de reacción e resposta asombrosa que nos permitiu anticiparnos e evitar ou minimizar os problemas”. De feito, aproveitou para poñer en valor o aprendido nesa época, tal e como sucede no caso do teletraballo. “Temos que aproveitar no día a día as vantaxes da tecnoloxía adquirida e as oportunidades que ofrece”, sinalou poñendo o foco en como esta favorece a conciliación da vida laboral e profesional.

Modernizar a oferta docente, moi especialmente no eido do mestrado, e adaptala para responder á demanda de profesionais STEM, así como como ás necesidades de formación de persoal nas liñas estratéxicas dos grupos de investigación, dos programas de doutoramento e dos institutos aos que o profesorado do centro está vinculado, foi outros dos eixes sobre os que se asentou o discurso da decana, meta para a cal  solicitou o apoio do equipo reitoral.

“Apostar supón tamén coidar do noso patrimonio actual, incluído o humano, e apostar é apoiar o noso crecemento a nivel de infraestruturas, equipamentos e persoal”, continuou Elena López Lago. Neste senso, subliñou a necesidade, tal e como tamén manifestou o reitor, dunha rehabilitación do edificio, de cara a unha mellora da súa eficiencia enerxética. Ademais, a decana propuxo o deseño dun programa estratéxico que anime a unha porcentaxe dos egresados/as de grao a comezar e continuar a carreira académica. O equipo de goberno complétano a vicedecana Beatriz Fernández Domínguez e o secretario Manuel Vázquez Ramallo.

Currículo

Profesora titular dende 2012, López Lago está adscrita ao Instituto de Materiais (iMATUS) da USC e a súa traxectoria investigadora céntrase no desenvolvemento de instrumentación para caracterización de materiais.  Conta con máis de 70 publicacións científicas e catro teses dirixidas, alén de ter participado en  preto dunha vintena de proxectos de investigación, os últimos centrados na caracterización óptica de líquidos iónicos (do que foi investigadora principal) e ionoxeles con vistas á súa aplicación como electrolitos. Máis recentemente, traballou no estudo da interfase electrodo-electrolito.

Atopar novos espazos docentes “adecuados ás necesidades actuais do centro e equipamentos máis modernos para os laboratorios” é unha das metas que a decana persegue de cara a este novo mandato.  López Lago pretende tamén mellorar as infraestruturas do centro ao ter “moi baixa eficiencia enerxética”, explica. Consolidar a oferta de grao e mestrado, actualizando esta última para garantir a empregabilidade dos egresados/as e a formación do futuro persoal científico “con vistas a un imprescindible relevo xeracional” serán outros dos obxectivos sobre os que pivotará esta nova etapa á fronte do decanato.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2022.