Pasar al contenido principal

Descobren na Illa de Cortegada unha nova especie de fungos única no mundo

Physalacria auricularioides
Physalacria auricularioides
Con máis de 800 especies e 44 hectáreas, esta illa presenta o 40% do número total de especies referenciadas no Catálogo Micolóxico Galego e é o espazo natural máis importante a nivel estatal neste eido
Santiago de Compostela

Physalacria auricularioides é o nome da nova especie de fungos que acaba de ser descuberta na Illa de Cortegada, trátase dun basidiomiceto único no mundo e atopado por primeira vez nesta illa. O xénero ao que pertence Physalacria inclúe máis de 40 especies coñecidas, case todas elas saprofitas e encontradas no hemisferio sur e nos trópicos. “Créese que as especies que se encontran no hemisferio norte foron introducidas alí xunto coas súas plantas hóspedes”, explica o investigador da USC Saúl de la Peña-Lastra, un dos responsables deste achado. Ademais, ata este descubrimento, Ph. stilboidea (especie hóspede Griselinia littoralis) e Ph. cryptomeriae (especie hóspede Cryptomeria japonica), eran as únicas especies de Physalacria coñecidas en Europa. Esta nova especie é difícil de atopar debido ao seu reducido tamaño e á súa cor pouco destacable. Ademais, crece e aliméntase sobre as puntas das ramas mortas de castiñeiros.

A Illa de Cortegada presenta unhas condicións ambientais, forestais e históricas que fan que sexa un enclave especial, non só en Galicia, senón en España e en Europa, sendo especialmente destacable a presenza dunha laurisilva de gran importancia ecolóxica. “Despois de 15 anos de estudo micolóxico pola nosa banda, chegouse á conclusión de que neste campo é un enclave único”, sinala o investigador da USC. “Dende o inicio do noso estudo, xa xurdiu a admiración cara a este enclave privilexiado que depara constantemente a sorpresa de novos achados para a elaboración do seu xa extenso catálogo”, sinala.

Nunha superficie tan pequena localizáronse ata a data máis de 800 especies de cogomelos, estando o seu estudo aínda en curso (estímanse máis de 1.000 especies). Os xabarís son neste lugar o inimigo principal dos fungos, debido a que non se limitan a comer os corpos frutíferos (cogomelos) senón que tamén destrúen e consomen o micelio deixándoo en contacto co aire.

Riqueza natural

Actualmente, existe unha gran controversia entre o número total de especies de fungos do planeta. Con todo, os números máis barallados son entre 1 e 1,5 millóns. No caso de Europa esa cantidade estímase en 12.500 especies. Do total de fungos estimados a nivel mundial só se coñece aproximadamente o 6,7%. “Isto pode ser debido a diferentes aspectos, como a complexidade dos ciclos dos fungos, xa que son moi efémeros e poden tardar en volver frutificar máis de 50 anos; a variabilidade dentro da mesma especie e entre diferentes especies; a dificultade para a súa observación; a falta de datos especializados para a súa clasificación; ou a falta de investigadores de campo, entre outros”, advirte Saúl de la Peña-Lastra.

Do número de especies de fungos atopadas en función da súa superficie, Galicia, con tres millóns de hectáreas, conta con aproximadamente 2.000 especies segundo o Catálogo Micolóxico Galego. Ademais, dos 15 Parques Nacionais e 195 Parques Naturais españois só hai publicacións de estudos micolóxicos nun 20% e 1,5% deles, respectivamente. En xeral, os parques españois presentan superficies moito maiores e con moitas menos especies que na pequena illa de Cortegada, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

A Illa de Cortegada con máis de 800 especies de fungos e 44 hectáreas presenta o 40% do número total de especies referenciadas no Catálogo Micolóxico Galego e é o espazo natural máis importante a nivel estatal ata a data facéndose patente a súa riqueza.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.07.2022.