Pasar al contenido principal

A tese de Iria de Dios Flores é distinguida pola Sociedade Española de Lingüística como a mellor do Estado en 2021

Iria de Dios Flores é investigadora do CiTIUS
Iria de Dios Flores é investigadora do CiTIUS
A investigadora posdoutoral do CiTIUS da USC participará como conferenciante plenaria na edición número 51 do congreso desta entidade que se desenvolverá en Murcia en xaneiro de 2023
Santiago de Compostela

A tese da investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) Iria de Dios Flores acaba de ser distinguida como o mellor traballo doutoral do ano 2021 pola Sociedade Española de Lingüística (SEL), unha entidade científica e non lucrativa que agrupa a especialistas de todos os ámbitos da ciencia da linguaxe. O ditame do xurado coñeceuse tras a clausura da quincuaxésima edición do Simposio e o IV Congreso da Sociedade, aprazado en 2021 e que se celebrou en Madrid.

O premio inclúe unha invitación para participar como conferenciante plenaria no próximo simposio do organismo, que acollerá a Universidade de Murcia do 24 ao 27 de xaneiro de 2023, e a súa concesión recoñece o labor plasmado no traballo ‘Processing long-distance dependencies: an experimental investigation of Grammatical Illusions in English and Spanish’ (‘Procesamento de dependencias a longa distancia: unha investigación experimental das ilusións gramaticais en inglés e español’). A tese pretende contribuír á axenda da comunidade científica afanada en entender os mecanismos e arquitecturas utilizados polo sistema humano de procesamento da linguaxe (coñecido como parser) para procesar e comprender as relacións que se establecen entre os diferentes elementos dunha oración.

Psicoloxía cognitiva

“Estou moi sorprendida e moi contenta”, afirmou Iria de Dios Flores. “Creo que a parte máis ‘orixinal’ do meu traballo é a miña propia evolución como científica, a transformación dende o meu perfil de partida como lingüista ata o que cheguei a alcanzar durante a tese, xa que non adoita ser moi frecuente nese ámbito”, afirma a investigadora.

A tese premiada xira ao redor da ciencia cognitiva, en particular, a psicolingüística; e aborda distintos campos, como a avaliación experimental‚ a creación de materiais lingüísticos‚ o tratamento de datos e o modelado estatístico. A investigadora posdoutoral do CiTIUS explica algunhas das claves do traballo que agora recoñece a SEL. “Ao longo desta tese centreime no estudo de diferentes tipos de estruturas en inglés e castelán utilizando técnicas da psicoloxía experimental, como o rexistro de movementos oculares durante a lectura”, explica a investigadora en referencia ao coñecido como eye-tracking.

En total rexistráronse un conxunto de doce experimentos que contribuíron a acoutar o panorama de hipóteses sobre os fenómenos estudados, abrindo novas liñas de investigación. Un labor desenvolvido a medio camiño entre a USC e o prestixioso centro de investigación en neurociencia especializado en linguaxe Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL), que dirixiron os científicos Carlos Acuña, catedrático de lingüística da USC e Manuel Carreras, director científico do BCBL, profesor honorario do University College of London (UCL) e investigador distinguido na Universidade do País Vasco (UPV/EHU).

Ademais, o traballo inclúe dúas estadías en centros de investigación estranxeiros: o Cognitive Neuroscience of Language Laboratory, (University of Maryland, EEUU) e o Human Cognition Laboratory (Universidade do Minho, Portugal). Previamente, en 2015, a investigadora realizara tamén cursos de doutoramento na Universidade de Chicago (EEUU), en virtude dunha axuda da Linguistic Society of America, organización de referencia no ámbito da lingüística.

Sobre as consecuencias directas que este galardón pode ter na súa carreira, Iria de Dios Flores destaca a visibilidade. “O feito de dar a conferencia plenaria o ano que vén non só é unha gran responsabilidade, senón que pode axudar tamén a dar a coñecer o meu traballo e, en consecuencia, o dos meus colaboradores, grupos e centros de investigación nos que fixen a tese, e dos que agora formo parte”, reflexiona a investigadora da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.08.2022.