Concepción Arenal preside este mes a Praza de Mazarelos
Nunha acción reivindicativa da Comisión de Igualdade da Facultade de Filosofía, e coa colaboración do Concello, a figura de Concepción Arenal presidirá todo este mes a Praza de Mazarelos. Trátase dunha instalación exterior temporal que cubre con paneis fotográficos a estatua de Montero Ríos.
O alumnado da facultade constatou nunha serie de traballos realizados ao longo do curso a escasa presenza de mulleres en lugares recoñecidos dos espazos das urbes galegas, “e máis aínda, de mulleres asociadas ao coñecemento”, explicou a vicedecana da Facultade organizadora, Mª Nieves Herrero Pérez, para quen a acción é tamén unha maneira de “pór en releve a estreita relación entre filosofía e feminismo”.
No acto de inauguración da instalación, a catedrática María Xosé Agra explicou que se elixiu Concepción Arenal para pór en valor “a forza dunha muller intelectual, cunha obra recoñecida internacionalmente, precursora do feminismo e que mesmo tivo que disfrazarse de home para estudar a carreira de Dereito”. “A historia intelectual das mulleres non está presente, non é recoñecida, e iso que compartimos todas xa o denunciaba Concepción Arenal na súa época”, dixo a catedrática de filosofía.
A intervención urbana, que foi moi aplaudida pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, é, en esencia, “un acto de reivindicación de espazos de recoñecemento de mulleres insignes”, manifestou a responsable da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.