Pasar al contenido principal

Bota a andar un novo curso de formación para a identificación de cerámica arqueolóxica en Galicia

Mostra de ola de cerámica de tradición castrexa
Mostra de ola de cerámica de tradición castrexa
Promovida polo grupo de investigación EcoPast da USC, esta actividade de carácter gratuíto diríxese a alumnado, a profesionais e persoas afeccionadas á arqueoloxía
Santiago de Compostela

A USC ofrecerá a partir de setembro a primeira edición do curso de formación ‘Identificación da Cerámica Arqueolóxica de Contextos Galegos: Do Neolítico ata a actualidade’, unha proposta de carácter teórico e práctico que proporcionará ás persoas asistentes unha visión actualizada dos coñecementos sobre o material máis abondoso nas escavacións arqueolóxicas.

O grupo de investigación EcoPast da USC organiza esta actividade coordinada polas investigadoras María Pilar Prieto Martínez, María Guadalupe Castro González e Zaira García López, que conta coa colaboración de especialistas en cerámica de diferentes institucións e entidades, como a Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra, o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, o Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo ou as empresas Tempos Arqueólogos e Engobe Arqueología, ademais de incluír a intervención de artesáns da olaría.

O curso desenvolverase os días 23 e 30 de setembro e 7 de outubro na Facultade de Xeografía e Historia da USC e inclúe un obradoiro de fabricación cerámica en O Corgo (Lugo) o día 15 de outubro. A organización facilitará o transporte para as persoas asistentes que queiran participar na práctica de campo.

O programa completo da actividade está dispoñible na web da USC e a inscrición, de carácter gratuíto, pode realizarse ata o 21 de setembro a través deste formulario. Hai 25 prazas dispoñibles que se irán ocupando por rigorosa orde de solicitude. O curso conta cun recoñecemento de 10 horas de formación para o alumnado do programa de Doutoramento de Historia, Historia da Arte e Xeografía da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.08.2022.