Matemáticas acolleu este ano a celebración da festividade do patrón de Ciencias, San Alberto Magno

As facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Química e Matemáticas celebraron este venres neste último centro a festividade de San Alberte Magno, patrón destes centros, nunha sesión que presidiu no Salón de Actos o reitor Antonio López.
Na cerimonia, o profesor Antonio Gómez Tato impartiu a conferencia ‘Un matemático no mundo real’ e entregáronse os premios do concurso de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’. Ademais Nuria González, Sabela Fernández e Pablo Rodríguez, compoñentes do trío de violíns da Orquestra da USC e estudantes dos graos en Matemáticas e Física puxeron a nota musical ao evento.
Participaron no acto a decana da Facultade anfitrioa, Elena Vázquez Cendón; e os seus homólogos de Química, Pilar Bermejo; de Física, Elena López Lago; de Bioloxía, Antonio Segura, e de Ciencias, José Martínez Ageitos.
O acto, rotatorio entre as facultades implicadas, desenvolveuse este ano en Matemáticas. Foto: Servimav-USC