Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría da USC impulsa a recuperación da variedade de uva Tinta Catañal cun proxecto para frear os efectos do oídio

Cepa da variedade de uva Tinta Castañal
Cepa da variedade de uva Tinta Castañal
A EPS de Enxeñaría da USC impulsa a recuperación da variedade de uva Tinta Catañal cun proxecto para frear os efectos do oídio

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da UC colabora coas adegas Señorío de Rubiós e Viñas de Terras do Pazo, así como coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, integrada na Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), nun proxecto de innovación orientado a mitigar ou, cando menos, reducir a incidencia da enfermidade de oídio na variedade de uva Tinta Castañal, a fin de favorecer así a recuperación dos viñedos desta variedade.

O proxecto de innovación ‘Manexo sostible da variedade Tinta Castañal: Estratexias de manexo fronte ai oídio’, que conta cun orzamento de máis de 99.000 euros, e está financiado nun 75% con fondos Feader, busca resolver a actual problemática que depara a incidencia do oídio na variedade de uva Tinta Castañal. Os danos provocados pola enfermidade provocada por un fungo homónimo, tradúcense en serias perdas produtivas e cualitativas, o que limita o potencial enolóxico desta variedade de uva, ao tempo que tamén afecta a estabilidade da súa explotación a medio e longo prazo.

As medidas novas ou innovadoras que, entre outros, pretenden desenvolver no marco deste proxecto os investigadores da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, dos grupos de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) e Algoritmos e modulacións xeoespaciais (Aemegeo), apuntan cara a implantación dun manexo sustentable en produción orgánica, fronte ás prácticas da xestión convencional deste tipo de viñedos. Con este cambio, os investigadores buscan a mellor estratexia de produción cara o futuro, tendo en conta o aumento de valor engadido da produción en orgánico e en ecolóxico.

O prazo de desenvolvemento do proxecto ‘Manexo sostible da variedade Tinta Castañal: Estratexias de manexo fronte ai oídio’ remata en outubro de 2020. Esta actuación, liderada pola adega Señorío de Rubiós, e que tamén conta co apoio e con financiamento da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), constitúe unha das primeiras actuacións promovidas polo grupo operativo creado de xeito específico para defender a pervivencia da uva Tinta Castañal en Galicia, unha variedade minoritaria da comarca do Baixo Miño en perigo de desaparición.

A uva Tinta Castañal é unha variedade tradicional da comarca do Baixo Miño. Trátase dunha variedade minoritaria (existen poucas cepas plantadas) que sofre o perigo de chegar á extinción. Esta variedade non aparece na lista de variedades comerciais e portainxertos de vide. Daquela, tampouco está amparada dentro de ningunha das D.O. galegas, dado que para que poida recollerse dentro dunha denominación de orixe é necesario que apareza inscrita como definitiva, na lista antes mencionada.

O proxecto de innovación que vén de poñerse en marcha hai uns meses a prol da recuperación desta variedade de uva ofrece a posibilidade de realizar a caracterización e analizar o rendemento agronómico e o comportamento en condicións de campo desta variedade minoritaria. De feito, o principal cometido dos investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC no campus de Lugo implicados nesta liña de actuación pasa por analizar o rendemento e a calidade de Vitis Vinifera cv Castañal baixo un sistema de produción sustentable.

Proceder á caracterización cualitativa dos compostos e aromáticos en condicións de campo, e a preparación de viño monovarietal para a súa venda como produto singular de alto valor engadido, derivado das particularidades/escaseza/potencial da variedade, constitúen futuros retos dos promotores e autores desta liña de investigación orientada á recuperación e posta en valor da variedade de uva Tinta Castañal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.11.2018.