Pasar al contenido principal

A USC amplía ata o venres a matrícula no IV Ciclo Universitario

Alumnado de IV Ciclo na USC, nunha clase do último curso
Alumnado de IV Ciclo na USC, nunha clase do último curso
As persoas interesadas en participar neste programa formativo para maiores de 50 anos poden formalizar a súa inscrición en liña ou de xeito presencial en Lugo e Santiago

O IV Ciclo Universitario amplía ata o venres 9 de setembro o seu prazo de matrícula para todas as persoas interesadas en tomar parte neste programa de formación específico para alumnos e alumnas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo. As persoas interesadas xa poden formalizar a matrícula en liña a través da secretaría virtual da USC.

As persoas que prefiran realizar o proceso de inscrición de xeito presencial, deberán dirixirse á Unidade de Xestión Académica da USC, cuxas oficinas están localizadas no Pavillón Estudantil do Campus Vida, en Santiago, e no Edificio Intercentros do Campus de Lugo. Para formalizar a matrícula de xeito presencial débese solicitar cita previa a través dos formularios habilitados na web da USC. Para calquera dúbida, tamén se pode solicitar máis información referida ao programa do IV Ciclo da USC a través do número de teléfono 881 81 45 88 ou no enderezo electrónico ivciclo [at] usc.es (ivciclo[at]usc[dot]es).

Integración e participación

O IV Ciclo é un programa a través do que a USC pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, con criterios interdisciplinarios, a fin de favorecer así a súa integración e a participación de todo o mundo atendendo ás necesidades de formación permanente das persoas maiores. O IV Ciclo constitúe pois un programa educativo regrado en conexión cos programas educativos dos outros ciclos que se imparten na USC, e ofrece dous títulos propios: o Diploma Sénior de IV Ciclo e o Diploma Excelsior de IV Ciclo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2024.