Pasar al contenido principal

O CiTIUS profunda na enxeñaría e tecnoloxía de desenvolvemento de software a través de SISTEDES 2022

O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
Ata o vindeiro día 7, este congreso reunirá a uns 250 integrantes dos grupos de investigación máis importantes das universidades españolas, así como a estudantes e representantes de empresas e sector público
Santiago de Compostela

O congreso estatal da Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES) botou a andar este luns en Compostela. Trátase dun encontro de carácter anual centrado en tres grandes áreas da informática: Enxeñaría de Software e Bases de datos, Ciencia e Enxeñaría de Servizos, e Programación e Linguaxes. As xornadas, organizadas polo grupo de Gráficos por Computador e Enxeñaría de datos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), reunirá ata o mércores 7 de setembro, a 250 integrantes dos grupos de investigación máis importantes das universidades españolas, así como a alumnado e representantes de empresas e sector público.

O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López, quen salientou o rol do CiTIUS como “exemplo de investigación no eido da investigación en tecnoloxías intelixentes”. O reitor subliñou que un dos retos ante os que se atopa a Universidade consiste en “trasladar o coñecemento á realidade, ás empresas” e así poder “xerar riqueza e mellorar as condicións de vida dos e das cidadáns”. Antonio López tamén dedicou parte da súa intervención a reivindicar “perspectiva de xénero nas disciplinas STEM”, eido no que “temos camiño por percorrer”, dixo.

Nesta mesma liña, pronunciouse o co-presidente do comité organizador do congreso e profesor da USC, José M. Cotos Yáñez, quen tamén destacou a necesidade de “outorgar visibilidade ás mulleres neste ámbito”, matizou. Neste senso, as mostras que poderán visitarse no congreso e que levan por título ‘Pioneiras científicas’ e ‘Científicas cerca de ti’,  contribuirán a materializar este obxectivo.  Tamén participaron no acto inaugural o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente de SISTEDES e catedrático da Universidade de Sevilla, Antonio Ruiz Cortés; o vicepresidente de SISTEDES, Juan Hernández; e a directora xeral de estratexia de Plexus Tech, Silvia Fraga.

Ao longo de SISTEDES 2022, presentaranse un total de 154 traballos científicos perante a comunidade investigadora que respondeu con crecente interese ante o encontro, aumentando a participación con respecto a outras edicións, tanto en número de persoas asistentes rexistradas como en propostas enviadas.

O simposio inclúe tres conferencias plenarias a cargo de Robert Feldt, profesor de Enxeñaría de Software na Universidade Tecnolóxica de Chalmers, Gotemburgo (Suecia); Uwe Zdun, profesor de arquitectura de software na Facultade de Informática da Universidade de Viena (Austria); e Manuel Hermenegildo, profesor da Universidade Politécnica de Madrid e investigador distinguido no Instituto IMDEA-software.

As xornadas SISTEDES

Este encontro, que vén realizándose de maneira ininterrompida dende o ano 2001, constitúe un punto de encontro esencial a nivel estatal entre a comunidade española que traballa nas áreas de Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software.

Trátase dun espazo para a posta en común e o intercambio científico, ao abeiro da Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software (SISTEDES); unha asociación sen ánimo de lucro creada co principal obxectivo de contribuír ao desenvolvemento científico e tecnolóxico a nivel estatal na área da Enxeñaría do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software, así como de promover a investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre a academia e a empresa, para o avance destas disciplinas.

Na edición 2022, o comité organizador atópase integrado polos investigadores José M. Cotos Yáñez, José R. Ríos Viqueira, Manuel Lama Penín e José A. Taboada González, coa colaboración do resto de membros do grupo e o persoal de apoio do CiTIUS da USC. O evento conta tamén co apoio da Consellería de Turismo da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.09.2022.