Pasar al contenido principal

Unha investigación mostra evidencias moleculares da posible relación xenética entre a COVID-19 e o cancro

Federico Martinón (esquerda) e Antonio Salas (dereita) son profesores da USC. FOTO: Santi Alvite
Federico Martinón (esquerda) e Antonio Salas (dereita) son profesores da USC. FOTO: Santi Alvite
Isto non demostra unha relación causal directa entre as dúas enfermidades pero “no caso de que estudos máis grandes en mostra e extensos en seguimento, poidan confirmalo, o impacto na saúde pública mundial sería enorme”, apuntan os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón
Santiago de Compostela

‘É o SARS-CoV-2 un virus oncoxénico?’, esta é a pregunta que os profesores da USC, Antonio Salas e Federico Martinón, xunto  con Alberto Gómez Carballa do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), no que tamén participa a USC, tentan responder en Journal of Infection, revista da Asociación Británica de Infeccións. En colaboración co Imperial College de Londres, o equipo detectou evidencias moleculares da posible relación xenética entre a infección da COVID-19 e o cancro, apoiando a hipótese que relaciona o SARS-CoV-2 e o cancro de endometrio severo suxerida por investigadores chineses na mesma revista. Os investigadores indican que “isto non demostra unha relación causal entre SARS-CoV-2 e cancro, pero no caso de que estudos máis grandes en mostra e extensos en seguimento, poidan confirmalo, o impacto na saúde pública mundial sería enorme”.

O proceso concreto consistiría, segundo as evidencias do estudo, en que os antíxenos do SARS-CoV-2 secuestran a proteína oncosupresora p53 conducindo á súa dexeneración por dano oxidativo. O SARS-CoV-2 aproveitaría as vías controladas por p53 durante a fase de infección, obviando as respostas inmunitarias. Isto podería implicar que a inhibición a longo prazo de p53 por parte do SARS-CoV-2 podería ser un factor de risco de carcinoxénese. De feito, durante o estudo obtivéronse evidencias de que pacientes en fase aguda de SARS-CoV-2 e aqueles con infección de longa duración (coñecido como COVID-19 persistente) mostran baixa presenza de p53.

Para chegar a estas conclusións realizáronse tres estudos con pacientes sans e infectados de SARS-CoV-2 estratificados segundo a súa gravidade, dende enfermos críticos, a graves, leves e persoas sas; e en diferentes momentos tras a infección, ás doce, dezaseis e 24 semanas tras o test negativo ou a alta médica. O estudo foi financiado pola Axencia Galega de Innovación, a Axencia de Coñecemento en Saúde, así como o Instituto de Saúde Carlos III e os fondos europeos do programa H2020.

“A nosa evidencia orixínase no ámbito da expresión xénica, o que nós denominamos a transcriptómica. O feito de que atopásemos unha evidencia converxente en tres estudos independentes, senta unha base o suficientemente sólida como para iniciar estudos no ámbito clínico e epidemiolóxico que permitan lanzar luz sobre este posible vínculo”, explican os investigadores. “Polo contexto pandémico polo que pasamos e seguimos estando, e polas consecuencias que podería ter nos sistemas de saúde a medio e longo prazo, sería importante levar a cabo estudos que delimiten o alcance concreto dos nosos resultados”, matizan. “Do estudo infírese que o SARS-CoV-2 podería chegar a ser un factor de risco como o son outros moitos factores en diversos tipos de cancro; dende mutacións xenéticas que aumentan o risco para desenvolver un cancro, ata factores ambientais”, engaden. O equipo coincide na necesidade de facer máis estudos e no desexo de estar equivocados.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.09.2022.