Pasar al contenido principal

Unha investigación analiza a pegada da música no ADN e o seu posible uso para paliar certas enfermidades

Federico Martinón (esquerda) e Antonio Salas (dereita) son profesores da USC. FOTO: Santi Alvite
Federico Martinón (esquerda) e Antonio Salas (dereita) son profesores da USC. FOTO: Santi Alvite
O Auditorio de Galicia acollerá un concerto experimental o vindeiro 30 de setembro no que se recollerán mostras biolóxicas das persoas asistentes ao inicio e ao final do espectáculo para medir a resposta dos xenes a ese estímulo musical
Santiago de Compostela

Sensogenoma22 é un proxecto de investigación no que, por primeira vez e a grande escala, ciencia e música danse a man para loitar contra diferentes enfermidades. Así, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) —constituído ao abeiro dun convenio entre USC, Consellaría de Sanidade e SERGAS —, e a Real Filharmonía de Galicia dan pulo a esta colaboración interdisciplinaria que ten por obxecto “buscar as bases biolóxicas do estímulo musical” coa vontade de “iluminar novas dianas terapéuticas”, explicaron este martes os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón. Trátase dunha nova disciplina da ciencia xenómica que afonda en como os estímulos sensoriais repercuten no ADN, buscando as bases moleculares que subxacen á activación da información xenética, e abrindo a porta a novos usos terapéuticos que melloren a calidade de vida das persoas.  

Con este obxectivo, o 30 de setembro, ás 20.30 horas, celebrarase un concerto experimental no Auditorio de Galicia no que se recollerán mostras biolóxicas das persoas participantes. “Esperamos atopar sinais no xenoma que respondan a estímulos musicais, dos que moitos poden ter relación coa actividade cerebral, en rutas que conectan o cognitivo, a memoria ou o proceso de comunicación”, engaden. A música sempre influíu no estado de ánimo, e este, á súa vez, na saúde, é por iso, que Sensogenomica22 trata de pescudar as súas bases moleculares e entender, se pode e de que xeito, axudar a frear ou paliar os efectos de certas enfermidades investigando a súa pegada no ADN.

Así, antes do evento, farase unha recollida de mostras biolóxicas, saliva e unha pinga de sangue a través dunha pequena picada no dedo e ao finalizar repetirase o mesmo proceso. Desta maneira poderase medir a resposta dos xenes en dous puntos temporais e a resposta que tiveron a ese estímulo musical. En canto ao repertorio do concerto será sorpresa para que ningunha persoa vaia condicionada previamente e así poder sacar conclusións a nivel xeral. Deste xeito, convídase as persoas a asistir e sacar a entrada gratuíta con toma de mostras, das que se recollerán arredor dunhas 400, con consentimento informado asinado.

Ademais dos profesores Salas e Martinon, interviñeron este martes na rolda de prensa de presentación do proxecto Baldur Bronimann, director do concerto Sensogenoma22, e Sabela Garcia Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, que deron a coñecer todos os avances e detalles desta investigación, acompañados por Mari Luz Couce, directora do IDIS e profesora da USC, e Eloína Núñez Masid, xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

Os profesores Salas e Martinón profundaron en como “ao non haber investigacións anteriores, o ámbito de traballo é moi amplo e permítenos encher un baleiro que existe en como a música se relaciona co noso xenoma”. O primeiro paso da investigación céntrase na música e a expresión dos xenes na poboación xeral e en distintos contextos como pode ser  o caso do cancro, a enfermidade de Alzheimer, os trastornos do espectro autista (TEA) ou o dano cerebral, entre outros, co fin de obter datos a grande escala, analizalos con rigor científico usando técnicas de vangarda e, eventualmente, poder proporcionar ferramentas que melloren a calidade de vida das persoas. Completan o equipo Laura Navarro Ramón, coordinadora de Sensogenomica, musicóloga e doutora en Educación Musical, Belén Mosquera Pérez e Carmen Rodríguez-Tenreiro, coordinadoras de xestión e de ensaios clínicos e bioética respectivamente.

Rolda de prensa de presentación. FOTO: Santi Alvite
Rolda de prensa de presentación. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.09.2022.