Un foro profundará na exposición a radon nas contornas laborais
A primeira edición do simposio estatal de radon laboral desenvolverase na Facultade de Medicina da USC o martes 27 de setembro, baixo a coordinación científica do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Alberto Ruano Raviña. A inscrición neste foro que profundará na protección fronte á exposición a radon nas contornas laborais pode formalizarse ata o vindeiro venres 23 de setembro a través deste formulario electrónico.
O relatorio inaugural correrá, a partir das 9.30 horas, a cargo do profesor Ruano, quen presentará os resultados preliminares da investigación sobre a situación da exposición laboral a radon en España. A continuación, o foro estrutúrase en dúas sesións. Na primeira delas, persoal experto profundará no marco regulador e en como identificar e actuar ante a exposición a ese gas. As medicións no eido laboral e a importancia da acreditación, o rol que xoga a inspección de traballo, o papel das administracións dende o punto de vista sindical, así como unha abordaxe do que sucede co caso portugués completan os contidos desta primeira sesión. Na segunda parte do simposio analizaranse exemplos de boas prácticas en diferentes contornas empresariais. As conclusións presentaranse ao final da xornada.
O laboratorio de Radon de Galicia é parte do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Este laboratorio, situado no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, é froito da experiencia acumulada en I+D dende hai máis de 25 anos de profesorado e persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O Laboratorio participou en numerosos proxectos de investigación estatais, europeos e norteamericanos e membros do grupo foron coautores do informe da Organización Mundial da Saúde sobre radon, que é guía de referencia mundial dos expertos en radon interior.
O Laboratorio de Radon é o laboratorio de referencia do Noroeste de España e líder internacional no estudo do radon sobre a saúde. Actualmente está participando en diferentes proxectos sobre o impacto deste gas e na súa medición en lugares de traballo do ámbito educativo, hostaleiro e sanitario.