Pasar al contenido principal

A relación entre o lobo, a gandería e o home, a análise na EPS de Enxeñaría nun ciclo sobre o futuro do medio rural

Un lobo no monte
Un lobo no monte
A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, abre este luns o foro promovido pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais, no marco do que varios relatores abordarán as problemáticas relacionadas coa presenza de lobo no monte, ao tempo que se debaterá sobre a protección especial desta especie
Lugo

A coexistencia do lobo coa gandería e o ser humano centra este luns, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, a temática da primeira sesión do ciclo de conferencias ‘O futuro do medio rural no noroeste peninsular’, unha iniciativa promovida pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF), no marco da que se contempla a celebración de que se sete faladoiros abertos sobre cuestións ligadas ao medio rural ata o 20 de outubro.

A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, abrirá o ciclo da SEIAF este luns, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría, nun acto no que tamén intervirán a directora da centro universitario lugués, Rosa Romero; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez; a xerente do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia, Patricia González Pereiró, e o presidente da SEIAF e alumno da EPSE, Andrés Osoro Corsino, quen precisou que máis de medio centenar de persoas formalizaron xa a súa inscrición para asistir a este debate monográfico sobre o lobo ibérico, a súa protección e problemáticas asociadas.

Unha vez rematado a apertura do acto, os relatores convidados a participar nesta palestra abordarán desde as súas respectivas perspectivas as problemáticas que depara a convivencia do lobo co gando no monte e mesmo coa actividade humana. Deste xeito, Carlos Nores, da Universidade de Oviedo, fará unha introdución ao tema desde a óptica científica; Benigno Fernández, da Consellería de Medio Ambiente do Principado de Asturias, falará sobre a xestión do conflito do lobo, mentras que a directora Xeral de Biodiversidade  tratará a inclusión do lobo na norma normativa de especies protexidas. A problemática relacionada cos estragos que provoca o lobo na actividade gandeira centrará as intervencións de Mercedes Cruzado, de COAG Asturias, así como dun representante do  Sindicato Labrego Galego.

Programa do ciclo sobre medio rural

O programa de conferencias sobre problemáticas e futuro do medio rural no noroeste de España terá continuidade ata o 20 de outubro na EPS de Enxeñaría do Campus Terra, onde, alén desta sesión inaugural, tamén está programa a celebración de coloquios monográficos os días  21, 26 e 29 de setembro e 3, 13 e 20 de outubro. As políticas agrarias e demográficas contra o despoboamento, a alimentación nas ganderías bovinas do futuro, o cometido prevención de incendios que desenvolve a gandería extensiva, o futuro sobre o uso de fertilizantes e fitosanitarios, a xestión forestal e a prevención de incendios ou o futuro da industria forestal constitúen os eixes temáticos sobre os que versan as sesións previstas.

As persoas interesadas en participar como asistente nestas xornadas formativas e de divulgación sobre algunhas das problemáticas que afectan ao medio rural no noroeste peninsular deben formalizar a súa inscrición previa a través do formulario xa habilitado en liña.

As sete palestras de debate programadas están estruturadas nun total de 28 horas. As persoas asistentes recibirán o seu correspondente diploma acreditativo expedido pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF). Tamén se pode solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico secretaria.cursos.seiaf [at] gmail.com (secretaria[dot]cursos[dot]seiaf[at]gmail[dot]com).

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2022.