Fondo pesar na USC polo pasamento da profesora Ana Goy Diz
A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu fondo pesar polo pasamento da catedrática do Departamento de Historia da Arte da USC na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Ana Goy Diz, unha persoa moi querida entre a comunidade universitaria e na sociedade luguesa, na que tamén era recoñecida pola súa condición de académica numeraria da Real Academia de Belas Artes, así como polos seus méritos nos eidos da docencia e da investigación.
Doutora en Historia da Arte pola USC desde 1994, Ana Goy Diz, compatibilizaba desde finais do século pasado a súa actividade como docente nos campus de Santiago e de Lugo, onde actualmente tamén desempeñaba as funcións de vicedecana da Facultade de Humanidades, na que a nova do seu pasamento xerou un fondo pesar. Á par das tarefas académicas, Goy Diz destaca tamén pola súa prolífica produción científica, un labor investigador materializado en preto de 90 publicacións científicas (14 libros, máis de 40 artigos de libros, unha decena de achegas a congresos e 20 artigos).
A USC recoñece os méritos contraídos pola profesora e historiadora Goy Diz, quen tamén foi directora do Centro de Estudos da Historia da Cidade de Lugo, ademais de representante en Galicia do Icomos, un organismo da Unesco.