Pasar al contenido principal

Sensoxenoma22 detecta resposta xenética diferente aos estímulos musicais en persoas con alzhéimer

Salas explicou que con este proxecto están a lograrse, por primeira vez a nivel mundial, unha serie de obxectivos de investigación que marcarán unha nova liña de actuación con respecto ao alzhéimer. FOTO: Santi Alvite
Salas explicou que con este proxecto están a lograrse, por primeira vez a nivel mundial, unha serie de obxectivos de investigación que marcarán unha nova liña de actuación con respecto ao alzhéimer. FOTO: Santi Alvite
Os datos preliminares son froito das mostras extraídas nun concerto piloto celebrado o 14 de xuño. O vindeiro 30 de setembro, o Auditorio de Galicia acollerá un novo concerto que permitirá ampliar a mostra
Santiago de Compostela

O 14 de xuño do 2022 celebrouse no Auditorio de Galicia o concerto Sensoxenoma22-Piloto coa asistencia de membros da asociación Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer (AGADEA) e os seus acompañantes. Durante o evento que contou con repertorio secreto, recolléronse mostras biolóxicas, de sangue capilar e saliva, a máis de 110 doantes. A actividade permitiu detectar resposta xenética aos estímulos musicais diferente nas persoas que padecen alzhéimer. Malia que queda moito por investigar, “si podemos dicir que estamos a detectar diferenzas nos patróns de expresión xénica entre o momento anterior ao estímulo musical e do despois” e que “detectamos que os sinais non son exactamente iguais no grupo de pacientes e o grupo de acompañantes; existen xenes que responden na mesma dirección e outros que responden en dirección oposta”, afirmou este martes 20, en rolda de prensa, o profesor da USC, Antonio Salas, investigador principal do proxecto.

Salas explicou que con este proxecto están a lograrse, por primeira vez a nivel mundial, unha serie de obxectivos de investigación que marcarán unha nova liña de actuación con respecto a esta enfermidade. Deste concerto piloto, “fixemos a secuenciación dunha selección de mostras que estaban en mellores condicións porque o financiamento é limitado e, ao longo destes tres meses, conseguimos facer a análise de todo o transcriptoma nun tempo récord”, dixo. Deste xeito, o equipo de investigación desenvolveu a análise de dez veces máis mostras que as que se analizaron nos escasos estudos previos neste ámbito de investigación. En concreto, estanse medindo, aproximadamente, 30.000 moléculas de ARN, relacionadas coa expresión de todos os xenes que existen no noso ADN.

“Aínda que é certo que neurocientíficos estiveron tratando de explicar a función da música en diferentes tipos de memoria e as áreas do cerebro involucradas no procesamento da música en pacientes con alzhéimer, aínda é necesario profundar moito máis”, subliñou, pola súa parte, Laura Navarro Ramón, coordinadora do proxecto e investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que tamén participa a USC. Na rolda de prensa tamén participou Isabel Gey, presidenta da Federación Alzhéimer Galicia e de AGADEA. Esta experiencia piloto constitúe tan só o preámbulo para o concerto que se desenvolverá o vindeiro 30 de setembro no Auditorio de Galicia e no que o repertorio tamén será unha incógnita.

Máis de 300 xenes relacionados coa música

Nun estudo paralelo, que consiste nunha meta-análise de datos masivos recompilados da literatura científica, o grupo identificou máis de 300 xenes relacionados coa música, dos que máis de 100 son xenes que se expresan de maneira diferencial en pacientes con alzhéimer, particularmente cando se estuda o transcriptoma (termo que se refire a como se expresan os aproximadamente 20.000 xenes que existen en todo o noso xenoma) e o epixenoma (termo que se refire ás modificacións funcionais na secuencia de letras do ADN) destes pacientes.

Estes resultados preliminares demostran que o modelo de estudo está a funcionar e alimenta de maneira moi positiva todos os traballos de investigación que están programados en relación con este concerto piloto e ao que está por vir, o día 30 de setembro, ás 20.30 horas, para atopar dianas terapéuticas para esta e outras enfermidades. Nese evento, participarán máis de 1.200 persoas no Auditorio de Galicia. Antes do inicio, farase unha recollida de mostras biolóxicas, saliva e unha pinga de sangue a través dunha pequena picada no dedo e, ao finalizar, repetirase o mesmo proceso. Desta maneira poderase medir a resposta dos xenes en dous puntos temporais e a resposta que tiveron a ese estímulo musical.

Antonio Salas é profesor da USC. FOTO: Santi Alvite
Antonio Salas é profesor da USC. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2022.