Pasar al contenido principal

Novos sistemas microparticulares melloran a eficacia terapéutica contra a artrite reumatoide e prolongan a acción dos fármacos

Exploracións das articulacións das mans dunha persoa
Exploracións das articulacións das mans dunha persoa
O graduado en Farmacia Iván Lamela Gómez formula modelos de microcápsulas aptas para tratamentos a nivel intraarticular na investigación de doutoramento desenvolvida na Facultade de Ciencias da USC baixo a dirección de José Blanco e Asteria Luzardo
Lugo

Novos sistemas microparticulares desenvolvidos por investigadores da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC para facilitar a administración nivel intraarticultar de fármacos contra artrite reumatoide permitirán mellorar a eficacia terapéutica fronte a esta doenza, ao tempo que contribuirán a reducir os posibles efectos adversos provocados polos medicamentos, segundo se desprende da tese de doutoramento presentada polo graduado en Farmacia Iván Lamela Gómez baixo o título ‘Desenvolvemento e avaliación de sistemas microparticulares de liberación modificada para o tratamento da artrite reumatoide vía intraarticular’, unha investigación dirixida polos profesores da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC José Blanco Méndez e Asteria Luzardo Álvarez.

Lamela Gómez detalla na súa investigación que para a preparación das novas microcápsulas formuladas empregou polímeros biodegradables, concretamente Poly-E-caprolactona, Polyactive® 1000PEOT70PBT30, e dous copolímeros de Poli-(Ácido D, L-láctico-co-glicólico). Como fármacos obxecto de microencapsulación este investigador empregou tanto fármacos antioxidantes con potencial no tratamento da artrite reumatoide (Resveratrol) como representantes dos principais grupos de fármacos habitualmente utilizados no manexo terapéutico desta doenza: glucocorticoides (Betametasona), antiinflamatorios non esteroideos (Indometacina) e medicamentos modificadores da enfermidade biolóxicos (Infliximab).

Todas as formulacións obtidas das súas pescudas foron obxecto dunha caracterización exhaustiva tanto a nivel galénico como en cultivos celulares in vitro de macrófagos, a fin de acreditar así que as características axeitadas para a súa potencial aplicación no tratamento intraarticular da artrite reumatoide e tamén noutras enfermidades inflamatorias articulares.

O sistema de microencapsulación desenvolvido, en combinación cunha administración local a nivel intraarticular, definen a estratexia terapéutica proposta polos investigadores, que entenden que tales accións posibilitan a obtención de concentracións elevadas de fármaco no tecido inflamado, ao tempo que permiten incrementar o seu tempo de permanencia a nivel articular, así como a súa liberación dirixida aos macrófagos,  realizar una liberación dirixida a los macrófagos, tal e como se denomina o conxunto de células consideradas como as principais amplificadoras da inflamación nos episodios de artrite reumatoide.

Os distintos pasos seguidos no proceso de desenvolvemento e formulación destes novos sistemas microparticulares, sinala Lamela, están orientados a incrementar a eficacia terapéutica, reducir los efectos adversos sistémicos e a prolongar a duración do efecto dos fármaco no lugar de acción. O obxectivo último, conclúe, pasa por mellorar o curso da enfermidade e contribuír deste xeito a que a persoa afectada goce dunha mellor calidade de vida.

Tribunal de tese e cualificación

A profesora titular de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidad Complutense de Madrid, María Dolores Veiga Ochoa, presidiu o tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento. O catedrático da área de Parasitoloxía da USC José Manuel Leiro Vidal, e a profesora do Departamento de Farmacia, Farmacoloxía e Tecnoloxías en Saúde da Universidade de Lisboa, Joana Marques Marto, completaron a formación dun comité que cualificou a investigación de doutoramento presentada por Iván Lamela Gómez con sobresaínte cum laude.

 

 

Iván Lamela Gómez, no acto de presentación da súa tese de doutoramento en Ciencias
Iván Lamela Gómez, no acto de presentación da súa tese de doutoramento en Ciencias
Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2022.