Pasar al contenido principal

A crianza do porco celta centra este martes no concello do Incio unha xornada técnica promovida pola EPS de Enxeñaría e Agacal

Imaxe dun porco celta nunha parcela de monte do Incio
Imaxe dun porco celta nunha parcela de monte do Incio
O programa desenvolverase a partir das 9.15 no salón de usos múltiples do consistorio e continuará en quenda de tarde con visitas técnicas a explotacións de Goó e Friol

A crianza de porco celta en soutos atlánticos centra este martes 13 de novembro no concello do Incio unha xornada técnica promovida por investigadores do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo en colaboración coa Axencia Galega pola Calidade Alimentaria (Agacal).

O programa desta actividade formativa e de divulgación orientada á participación de membros das comunidades veciñais en man común, traballadores do sector agrario, propietarios forestais, técnicos profesionais e estudantes, comezará ás 9.15 horas cun breve acto de benvida a cargo da alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García.

A quenda de relatorios comezará cunha intervención de Francisco Javier Silva Pando, investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e coordinador do proxecto ‘Sustentabilidade de sistemas silvopastorais de masas ibero-atlánticas de folla caduca con razas autóctonas de porco celta en réxime extensivo’, que explicará o desenvolvemento desta iniciativa. De seguido, a técnico do Servicio Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias Begoña de la Roza; o catedrático da USC Antonio Rigueiro e Isabel Albizu, do Instituto Público de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico do País Vasco, relatarán algunhas das experiencias de cría de porco que se están a desenvolver en Asturias, Galicia e País Vasco, respectivamente.

O programa matinal desta xornada rematará cunha mesa de debate sobre os sistemas silvopastorais con porco celta e outras producións. Neste coloquio, que estará moderado pola catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC Rosa Mosquera Losada, intervirán como relatores Xosé Manuel Yglesias Espiño, da comunidade de montes veciñais en man común O Carballo, de Friol; Iván Rodríguez Paz, de Asoporcel; o experto en gandería extensiva Eloy Villada.

Xa en quenda de tarde, os participantes nesta xornada técnica sobre crianza de porco celta nos soutos atlánticos poderán visitar, en compañía de Antonio Rigueiro, Rosa Mosquera e Nuria Ferreiro, as parcelas habilitadas no monte Goó do Incio nas que un grupo de investigación da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo está a desenvolver un proxecto de aproveitamento sustentable con porco celta. As persoas interesadas tamén poderán coñecer, da man de Yglesias Espiño, a explotación de porco celta operativa na comunidade de montes veciñais en man común O Carballo, no municipio de Friol.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.11.2018.