Pasar al contenido principal

Unha exposición subliña a singularidade dos microorganismos e a súa relevancia para a vida humana

Público visitando a mostra ‘Microbioloxía. Explorando máis aló do visible’. FOTO: Santi Alvite
Público visitando a mostra ‘Microbioloxía. Explorando máis aló do visible’. FOTO: Santi Alvite
O decano da Facultade de Bioloxía, Jesús López Romalde, é o comisario da mostra ‘Microbioloxía. Explorando máis aló do visible’ que inicia en Compostela a súa andaina por diversas localizacións da xeografía española
Santiago de Compostela

A mostra ‘Microbioloxía. Explorando máis aló do visible’ pretende fomentar o coñecemento sobre os microorganismos e poñer en valor a súa singularidade e o importante papel que xogan na vida cotiá das persoas. Hai microorganismos cos que podemos convivir de forma pacífica? Necesitámolos? Para que serven? Estas son algunhas das cuestións ás que quere dar resposta esta exposición auspiciada pola Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) e polo Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN) —pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)— no que estivo exposta a finais do ano pasado. Santiago de Compostela constitúe a primeira parada na súa andaina por diversas localizacións da xeografía española, grazas á colaboración da USC.

O decano da Facultade de Bioloxía e catedrático de Microbioloxía, Jesús López Romalde, é o comisario en Compostela desta exposición divulgativa a través da que se poderá descubrir o universo que non vemos debido ao seu pequeno tamaño, pero que é infinito e imprescindible para a vida no planeta. ‘Microbioloxía. Explorando máis aló do visible’ atópase estruturada en cinco seccións: ‘Os microorganismos son diversos e ancestrais’, ‘Diversidade microbiana’, ‘Onde e como podemos atopar os microorganismos?’, ‘Que contribucións teñen os microorganismos nas nosas vidas?’ e ‘Microorganismos na era do Antropoceno: riscos e oportunidades’.

“Coñeceranse os efectos prexudiciais dos microorganismos, pero sobre todo, a súa convivencia pacífica coa maioría dos seres vivos do Planeta, así como os seus efectos beneficiosos ou os numerosos procesos da nosa vida cotiá nos que participan”, apunta o comisario da mostra. Por último, incídese nas súas contribucións biotecnolóxicas e biomédicas, e no seu “enorme potencial para facilitar un desenvolvemento máis sostible e mellorar a nosa calidade de vida actual e futura”, engade.

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolleu este luns 26 o acto inaugural da mostra presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. Tamén participaron no acto o propio López Romalde e Asunción de los Ríos, do MNCN. A mostra permanecerá aberta ao público do 27 de setembro ao 10 de novembro. 

 

Asunción de los Ríos, Pilar Murias e Jesús López Romalde. FOTO: Santi Alvite
Asunción de los Ríos, Pilar Murias e Jesús López Romalde. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2022.