Pasar al contenido principal

Rosa Mosquera participa no equipo de expertos en agricultura e seguridade alimentaria do Programa Nairobi da ONU

Rosa Mosquera
Rosa Mosquera
O comité de especialistas que integran este equipo de traballo de Nacións Unidas desenvolverá unha listaxe de prácticas agrícolas e outras recomendacións orientadas a favorecer a adaptación dos cultivos ao cambio climático e ao desenvolvemento sostible
Lugo

A catedrática da Área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, María Rosa Mosquera Losada, participa xunto con outros oito expertos internacionais no Programa de Traballo Nairobi relacionado coa agricultura e a seguridade alimentaria ao abeiro da convención de cambio climático de Nacións Unidas.

O comité de especialistas seleccionado para integrar este equipo de traballo ten como obxectivo o desenvolvemento dunha listaxe de prácticas agrícolas apropiadas para favorecer a adaptación dos cultivos, a identificación dos principais actores, cooperativas, agricultores e asociacións implicadas nos procesos produtivos. A determinación das necesidades a satisfacer e o establecemento de sinerxías de traballo que permitan estender estas prácticas acaídas cara a un desenvolvemento sustentable no plano económico, social e medioambiental, así como a posta en marcha de mecanismos de difusión da información necesaria adaptada a nivel local constitúen outro dos cometidos deste comité do Programa Nairobi de Nacións Unidas.

Unha vez formalizada a súa inclusión neste comité de expertos do Programa de Nairobi, un equipo que se presentará a mediados de novembro no marco da Conferencia sobre Cambio Climático de Nacións Unidas programada en Exipto, Rosa Mosquera participará na elaboración dun documento de traballo marco para colaborar cos distintos comités de Nacións Unidas a través do deseño dun catálogo de accións de adaptación para os agricultores e da confección dun manual que permita identificar usuarios finais que poidan usalo.

A creación de redes permitan apoiar a implementación da prácticas apropiadas a prol do fomento da seguridade alimentaria e da agricultura sustentable supón outra das encomendas feitas por Nacións Unidas a todas as persoas integradas neste comité do Programa Nairobi.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2022.